• Luis López di que o PP é a alternativa seria e fiable fronte ás excentricidades dun alcalde e dun Goberno que resultou ser un esperpento para Agolada.
A presidenta local do Partido Popular, Carmen Seijas, será a candidata á alcaldía de Agolada nas municipais de maio. Así o anunciaron este mediodía, tras un encontro con membros da executiva local, á que asistiron o presidente provincial, Luis López, a secretaria xeral, Luisa Piñeiro, e o coordinador comarcal do Deza, Román Rodríguez.
Carmen Seijas amosa a súa ilusión e o seu agradecemento pola confianza da xunta local e provincial do partido. Di que conta con todos para recuperar a alcaldía e, con ela, o rumbo de Agolada. “É urxente cambiar o rumbo no que Agolada leva somerxida desde hai catro anos. É momento de recuperar a alcaldía. Temos a experiencia, e estamos traballando para conseguir a maioría absoluta que necesitamos. Só o Partido Popular pode garantir un goberno serio, rigoroso e que atenda as necesidades reais dos nosos veciños”, sinala.
Os populares subliñan que xa se percibe na rúa esa necesidade de cambio, pero piden traballar duro e non confiarse. “O alcalde xa sacou a súa careta e fronte a un goberno populista, de confrontación, de parálise, de moitos titulares e pouco contido, que só pensa e actúa no seu propio beneficio, o Partido Popular ofrece experiencia, ofrece xestión e ofrece un proxecto sólido e serio para o noso concello”, defende Seijas.
Para conseguilo, di que seguirán traballando “de xeito intenso na defensa dos intereses de todos os veciños sen excepción, para que este Agolada volva a ser de todos e un concello con futuro, con servizos básicos de calidade e con oportunidades, un concello no que se escoite a todos e se teña en conta a todos os veciños por igual”.
Pola súa parte, Luis López amosouse convencido de que en maio os veciños saberán elixir entre a seriedade dun Goberno do Partido Popular ou as excentricidades dun alcalde e dun goberno que resultou ser un esperpento para Agolada. Pide á xunta local, aos afiliados, aos simpatizantes, a todos os veciños que queren o cambio, que saian á rúa a explicar e dar a coñecer o proxecto do PP e de Carmen Seijas. “Temos unha gran candidata e un gran proxecto para Agolada, este concello merece apostar polo futuro e non seguir enleado. Estes foron catro anos escuros para Agolada e hai que deixalos atrás para avanzar”.
Nesta liña, incide en que as eleccións municipais son as máis importantes para os concellos, porque delas depende a súa transformación e o seu futuro. “A política local é a que transforma o concello no que vivimos. Son as alcaldesas e os alcaldes, e os seus gobernos, os que primeiro responden en situacións de urxencia e de necesidade. Por iso é tan importante elixir ben, apostar por proxectos serios, por equipos que traballen, que teñan ilusión e ideas. Por persoas que empaticen e entendan as nosas preocupacións e, sobre todo, por partidos que resolvan”.