A primeira edición quixo destacar a traxectoria e labor do Rancho de Guláns, da FANPO, de Don Disfraz, Avelaíña, Melania Rodríguez, Asociación de Alfombristas Corpus Christi de Ponteareas, Jorge Rodríguez, Damián Rodríguez, irmáns Rodríguez Sobral e o mestre Francisco González
“Hoxe é un día emotivo no que se producen dous feitos importantes, por un lado a posta de largo da figura realizada por Sargadelos da Menina Agustina Sarmiento, nada en Ponteareas e unha das protagonistas do cadro de Velázquez e por outro lado o recoñecemento ás ponteareás e ponteareáns que levan con paixón e orgullo o nome da nosa vila”, así se dirixía a alcaldesa Nava Castro ao público do auditorio municipal que acolleu a gala de entrega dos Premios Menina Sarmiento – Ponteareáns Distinguidos/as, un acto aberto ao público no que o Concello de Ponteareas recoñeceu a traxectoria e o labor destacado de persoas e colectivos que contribúen de maneira decisiva ao avance social, cultural, educativo, deportivo e económico da vila.
A alcaldesa Nava Castro subliñou durante a súa intervención que estes galardóns “nacen coa vontade de agradecer e visibilizar a todas aquelas persoas e entidades que, coa súa dedicación, talento e compromiso, axudan a construír día a día unha Ponteareas mellor”.
Premiados e premiadas na edición 2025
O xurado, formado por profesionais de recoñecido prestixio como a soprano Teresa Novoa; Jorge Cebreiros, presidente da Confederación Empresarial de Pontevedra; a músico Blanca Represas; o gañador de La Vuelta, Álvaro Pino; Ana Besada da Asociación Galega de Deseño e Celso Álvarez de COGAM, decidíu que o premiado na categoría de “Cultura” recaese no Rancho de Reis de Guláns, polo seu labor de preservación da tradición e patrimonio cultural. Na categoría “Ensino” subíu a Federación de ANPAS do Condado Paradanta e A Louriña, pola súa defensa da educación pública e a participación das familias; na de “Compromiso Social”, Avelaíña, pola súa incansable dedicación ao apoio ás persoas con problemas de saúde mental e na de “Inclusión” o ponteareán Jorge Rodríguez, polo seu exemplo vital e a súa contribución á sensibilización social. Na categoría “Empresa”, o premio recaeu na empresa local Don Disfraz / Costumalia, polo seu espírito emprendedor e pola súa proxección empresarial a nivel europeo mentres que a de “Deportes” foi para á campioa Melania Rodríguez, polos seus méritos deportivos e pola súa traxectoria en constante ascenso. O futbolista do Celta “Damián Rodríguez” recibíu o premio “Nova Promesa” e o de “Embaixada de Ponteareas” para a Asociación de Alfombristas Corpus Christi de Ponteareas, pola súa contribución excepcional á proxección internacional da vila. Na categoría “Emigración” destacouse aos irmáns Rodríguez Sobral, polo mantemento do vínculo coa súa terra e a difusión da identidade ponteareá no exterior e, por último, fíxose unha mención especial a Francisco González Groba, histórico mestre de Guláns, polo seu legado educativo e humano.
Unha gala que une historia, identidade e futuro
Ademais do recoñecemento ás persoas premiadas, a gala dedicou un especial recordo á figura de María Agustina Sarmiento de Sotomayor, coñecida como a Menina Sarmiento ou a menina galega, retratada por Diego Velázquez e nacida no convento de Canedo. O nome dos premios recupera así unha figura inseparable da identidade cultural de Ponteareas, reforzando o orgullo colectivo e o vínculo coa historia da vila.
O tenente de alcaldesa, Juan Carlos González, pechou xunto á alcaldesa un acto que contou coa actuación do pianista Alejo Amoedo e un numeroso público que xa agarda unha segunda edición.



