Tras se coñecer a decisión da praza número 3 da Sección de Instrución do Tribunal de Instancia de Vigo de proceder a imputar (citándoa en calidade de investigada) á concelleira-delegada de Seguridade, a señora Patricia Rodríguez Calviño, na causa aberta tras o tráxico sinistro mortal producido nunha atracción de feira nas Festas de Matamá o 3 de agosto de 2024, desde o Bloque Nacionalista Galego queremos manifestar o seguinte:
1. A imputación da concelleira delegada, xunto á do Xefe de Servizo da área de Seguridade,verifica que hai indicios sólidos de reponsabilidade municipal en relación a un control neglixente que a propia Fiscalía asume ao sinalar a inexistencia tanto dun protocolo municipal de inspeccións como tamén a falla dunha instrución clara que ordenase o precinto da atracción, unha vez constatado que non reunía as debidas condicións de acordo á normativa para a súa autorización.
2. Nestas condicións, agravadas pola negativa reiterada da concelleira de dar ningún tipo de explicación perante o Pleno, o que supón 537 días dun inaceptábel silencio, e o bloqueo por parte do Goberno municipal de que se abrise unha Comisión de Especial Investigación para aclarar os feitos e depurar as responsabilidades, tal e como solicitamos o BNG, entendemos que a concelleira debe ser cesada con carácter inmediato.
3. Diante destes feitos gravísimos o BNG está a preparar unha moción de urxencia que rexistraremos en breve para o seu debate no Pleno convocado para o vindeiro luns, na que esixiremos a asunción de responsabilidades por parte do Goberno e volveremos reclamar unha investigación a fondo a nivel municipal, co obxecto de contribuír ao esclarecemento do acontecido e tamén para definir medidas adicionais que impidan que un suceso así poida repetirse.



