O PPdeG considera “indignante” que persoas en situación de dependencia extrema estean sin atender pola falla de xestión do grupo de goberno e o empecinamento do alcalde.
O grupo municipal do PPdeG de Ponte Caldelas considera lamentable e unha clara mostra de “desinterese indignante” o feito de que o alcalde Andrés Díaz manteña unha lista de espera dunha vintena de persoas para ser incluídas no Servizo de Axuda no Fogar (SAF) mentras rexeita máis horas que lle ofrece a Xunta de Galicia para atender persoas en situación de dependencia extrema.
Os concelleiros do Grupo Municipal do Partido Popular en Ponte Caldelas levan denunciando esta situación en reiterados plenos onde evidencian unha situación tan anómala como é que exista unha lista de espera de persoas en situación de especial vulnerabilidade que precisan acollerse ao SAF e, pola contra, o Concello siga sen esgotar as horas que ten asignadas e incluso rexeite as suplementacións da Xunta pola Covid-19 e mesmo agora cando a administración autonómica ampliou en máis de 463.000 horas anuais o cómputo que asigna a 32 concellos da provincia.
Os populares consideran esta situación “indignante” e propia dunha falla de sensibilidade e capacidade de xestiona-los recursos públicos en materia social perxudicando gravemente o benestar e as necesidades de asistencia a persoas dependentes que, en moitos casos, non teñen nin recursos nin posibilidades de ser asistidos doutro xeito. Consideran un empecinamento inxustificado o feito de que Andrés Díaz rexeite esas horas asignadas pola Xunta por non telas solicitado, argumentando que deberían ser subvencionadas ao 100% pola administración autonómica.
As horas para o Servizo de Axuda a Domicilio son financiadas principalmente pola Xunta de Galicia que aporta a parte mais elevada, 9,70 €/hora, outra parte queda reservada para as persoas demandantes que abonan unha contía en función da súa renda e o seu grao de incapacidade, e do resto faise cargo o Concello, “habendo casos nos que o concello non ten que aportar prácticamente nada ou unha cantidade perfectamente asumible, polo que parece máis unha cuestión típica de empecinamento e cabezonería de Andrés Díaz contra a Xunta aínda que perxudique aos seus veciños”, indicaron os populares.
Os concelleiros do PPdeG volverán trasladarlle no vindeiro Pleno a súa protesta e indignación porque consideran “incríble, cos tempos que corren, que haxa unha lista de espera de dunha vintena de persoas en situación de depedencia e non se utilicen as horas concedidas pola Xunta para o SAF en Ponte Caldelas”. Para os edís populares “a única resposta a esa pregunta que calquera persoa se faría é que os problemas da xente non están de moda para o país das marabillas que quere debuxar Díaz nunha Ponte Caldelas irreal, ademais da falla de vontade política en adicar recursos económicos aos máis necesitados porque se visibilizan menos que as festas e as paparotas onde centra o seu esforzo inversor ou a súa política errónea e errática de enfrontamento estéril coa Xunta de Galicia”, sinalaron.