– O departamento conta con catro traballadoras e as citas están a darse con normalidade, cunha espera media de dúas semanas. No caso das urxencias as persoas son atendidas “ao momento”, afirma Rivas. Para as citas ordinarias nos meses de verán poden rexistrase tempos de espera algo máis longos, como é habitual polas vacacións das traballadoras.
– O Concello nega o “colapso” que denuncia o grupo municipal do PP, “e que só pretende correr unha cortina de fume tralas queixas da cidadanía polo que acontece coa Sanidade”, afirma Rivas. Hai anos, nos gobernos de Javier Bas “si que existiron colapsos e ata o Valedor do Pobo denunciou en 2015 demoras inxustificadas nos trámites da Risga en Redondela con atrasos de cinco meses”, lembra a alcaldesa.
O departamento municipal de Servizos Sociais do Concello de Redondela conta cun total de catro traballadoras sociais, “isto supón unha traballadora máis que nos anteriores gobernos do PP”, explica a alcaldesa Digna Rivas. As citas nestes servizos, tanto en Redondela como en Chapela, están a darse con normalidade, cunha espera media de dúas semanas. No caso das urxencias as persoas que o precisan son atendidas “ao momento”, afirma Rivas. No caso das citas ordinarias, nos meses de verán poden rexistrase tempos de espera algo máis longos, como é habitual polas vacacións que corresponden ás traballadoras.
O Concello de Redondela nega o “colapso” dos Servizos Sociais que denuncia o grupo municipal do PP. A alcaldesa denuncia que os populares “só pretenden correr unha cortina de fume tralas queixas totalmente fundadas da cidadanía polo que acontece coa Sanidade”. Hai anos, durante os gobernos de Javier Bas, “si que se deron situacións de colapso” apunta a alcaldesa, quen lembra que ata o Valedor do Pobo chegou a denunciar en 2015 “demoras inxustificadas nos trámites da Risga” en Redondela con atrasos de cinco meses. Advirte Rivas tamén que durante os gobernos do Partido Popular “a espera para ser atendido no departamento de Servizos Sociais chegou a superar as 10 semanas”.
A alcaldesa lamenta o xeito de facer oposición do PP redondelán, “que está a cruzar todas as liñas vermellas, con difamacións constantes contra este goberno que non se sosteñen”. “O único que conseguen é crear unha alarma innecesaria entre a poboación, con informacións falsas que só buscan desgastar ao goberno”, conclúe Rivas.