O Concello destaca a grande acollida das actividades organizadas para as case 200 rapazas e rapaces participantes
Coñecer un pouco máis a natureza dun xeito ameno, innovador e divertido. Ese era un dos obxectivos dos campamentos de verán no Rosal, nos que arredor de 200 nenos e nenas “puideron desfrutar dunha alternativa de lecer lúdica e educativa durante as súas vacacións estivais ao tempo que se favorecía a conciliación familiar e laboral aos rosaleiros e rosaleiras”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
O Concello destaca a grande acollida das actividades organizadas ao longo dos meses de xullo e agosto ao abeiro dos campamentos. Onte despediuse o campamento municipal, que tiña como temática central os animais e no que rapaces e rapazas xogaban o papel de observadores. “Grazas a esta dinámica, cada semana as e os participantes investigaban sobre un diferente e, tras pasar varias probas, ao final da semana incluían un novo insecto nun mural conxunto. Un xeito diferente e moi divertido de seguir aprendendo ao tempo que desfrutan do seu lecer”, salienta a rexedora.
Entre as actividades desenvolvidas este verán dentro dos campamentos, os nenos e nenas gozaron especialmente coa festa de disfraces, coas festas de auga e de pixamas, cos xogos tradicionais ou co seu propio concurso Got talent. Tamén tivo grande éxito entre todos eles e elas os talleres de galletas e limoada, as sesións de ioga, os xogos musicais, as xincanas e retos e as visitas como ‘Baisenpulgas’, ‘Ti es un bo peixe’, ‘DGT’ e ‘Fai click ao teu bocata’. Ademais, durante os campamentos fixéronse varias saídas á contorna como ao parque do Sobreiral, ás Aceñas, aos muíños do Folón, ao velódromo, aos ríos Urgal e Padín, ao parque de Pías e á praia de Eiras.
En definitiva, dous meses de “xogos e saídas didácticas combinadas con actividades creativas cos que espertar a curiosidade dos nenos e nenas e darlles a coñecer un pouquiño máis sobre o seu concello. Para nós é un orgullo velos a todos desfrutar e con ganas de repetir na vindeira edición”.