Home Pontevedra Domínguez acusa a Lores de “dobre moral” e esíxelle responsabilidade institucional ante...

Domínguez acusa a Lores de “dobre moral” e esíxelle responsabilidade institucional ante a presenza de deportistas de Israel en competicións deportivas

0
2

• “O alcalde demostra unha incoherencia total manifestándose na Volta, tras non protagonizar ningún tipo de protesta cando participou unha delegación de Israel no Mundial Multisport do mes de xuño”, lembra Domínguez

• O líder do PP insiste en que “o deporte debe ser un espazo de unión e concordia, non un escaparate para a confrontación ideolóxica no que, actitudes irresponsables como as do alcalde, alentan a reacción violenta dalgúns manifestantes que, nos últimos días, puxeron en risco a súa propia integridade física e a de centos de deportistas”

O presidente local e portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, acusou ao alcalde nacionalista, #Miguel Anxo Fernández Lores, de “hipocrisía” e manter unha “dobre moral” en relación coa súa postura respecto a a presenza de Israel en eventos deportivos celebrados na capital da provincia.

O líder do PP de Pontevedra lembrou que, durante o Mundial Multisport de tríatlon, celebrado en xuño de 2025, Lores non protagonizou ningún tipo de protesta cando participaron deportistas baixo a bandeira israelí. En cambio, apenas dous meses despois, anunciou a súa participación activa nas protestas pola presenza deste país na Volta ciclista a España, que hoxe se sucederán ao seu paso por Pontevedra con motivo da décimo sexta etapa.

“O alcalde demostra unha incoherencia total. A miña pregunta é se, no próximo mundial de tríatlon, Lores vai estar ao lado da organización, como estivo a principios do verán, ou se cambiará de criterio como nesta ocasión e sairá a manifestarse en contra dos deportistas participantes de Israel”, cuestionou.

Domínguez ironizou con que “Lores aínda é alcalde de Pontevedra” e insistiu en que debe exercer o seu cargo “con responsabilidade e altura institucional, non como activista político. Un rexedor non debe manchar o nome da cidade nin dos pontevedreses con posicionamentos ideolóxicos que nada teñen que ver coa xestión municipal”.

O popular acusou ao rexedor do BNG de “antepoñer unha vez máis a súa ideoloxía aos intereses da cidade” e lamentou que “a súa actitude irresponsable alenta e motiva a reacción violenta dalgúns manifestantes que, nos últimos días, puxeron en risco a súa propia integridade física e a de centos de deportistas”.

O presidente do PP de Pontevedra, tras condenar a violencia, insistiu en que “o deporte debe ser un espazo de unión e concordia, non un escaparate para a confrontación ideolóxica”. Neste sentido, pediu ás persoas que asistan ás protestas deste mediodía en Pontevedra, entre eles ao alcalde, que antepoñan “o sentido común e o respecto á competición” para que a cidade continúe sendo un gran escaparate da organización de grandes eventos deportivos.