- O PP denuncia o aumento de pelexas e agresións mentres o goberno local “nega a realidade e non actúa”
- O portavoz municipal do PP, Rafa Domínguez, esixe transparencia, máis medios policiais e a convocatoria urxente da comisión de seguridade aprobada polo pleno
O portavoz municipal do Partido Popular en Pontevedra, Rafa Domínguez, acompañado pola senadora e concelleira popular, Pepa Pardo, alertou este luns dun “grave problema de convivencia e inseguridade” na cidade, denunciando un incremento sostido de pelexas, agresións e altercados nos últimos anos sen resposta por parte do goberno local.
Domínguez lembra que o PP leva advertindo desde 2022 desta situación e propoñendo medidas como o reforzo da Policía Local, máis recursos sociais, patrullas a pé en zonas conflitivas, videovixilancia e a creación de órganos de coordinación en materia de seguridade. “Todas foron rexeitadas”, sinala.
Neste sentido, a senadora Pepa Pardo, levou ao Senado a proposta para a creación dunha Unidade de Prevención e Reacción (UPR) en Pontevedra. A iniciativa saíu adiante co voto en contra do PSOE e sen a presenza da senadora do BNG. Con todo, no Concello de Pontevedra, tanto PSOE como BNG si apoiaron a moción presentada polo Partido Popular neste mesmo sentido. Ademais, o propio Ministerio confirmou posteriormente que non prevé crear esta unidade. Esta contradición é unha mostra máis da hipocrisía de BNG e PSOE, rexeitando en Madrid o que si aproban en Pontevedra.
Segundo o portavoz popular, os incidentes estendéronse por distintos puntos da cidade —centro histórico, A Ferrería, Campolongo, Barcelos ou a contorna do Hospital Provincial—, con episodios recentes de especial gravidade como pelexas con arma branca, agresións a menores ou ataques a traballadores.
O PP denuncia ademais unha “crise” na Policía Local e acusa o alcalde de “ocultar información” e “negar a realidade” mentres crece a preocupación veciñal.
Ante esta situación, Domínguez esixe tres medidas inmediatas: transparencia sobre os incidentes, convocatoria urxente da comisión de seguridade aprobada hai case un ano e a adopción dun plan real de reforzo policial e prevención. “A situación está a irse das mans e Pontevedra non pode normalizar a violencia”, conclúe.

