• O líder do PP tacha de “fracaso absoluto” os proxectos estrela do BNG: Gastroespazo, Coche de Punto, planta de compostaxe na Canicouva, novo vial de Mollavao, skatepark de Raíña Victoria ou o pavillón municipal da Parda
• “Cada vez que o alcalde anuncia un servizo pioneiro para a cidade dáme terror porque conleva anos de atraso, incapacidade de xestión e malgaste de diñeiro público”, afirma
O presidente local e portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, compareceu este mércores en rolda de prensa para expoñer a fraxilidade do goberno local para sacar adiante ou manter en marcha os seus propios proxectos: “Lores vai costa abaixo, continúa no cargo porque non ten substitución no BNG, e o problema é que con el leva a toda a cidade. Unha cidade que quere ambición e altura de miras, non conformismo e desidia”.
Domínguez puxo de exemplo a caída libre do Gastroespazo do Mercado de Abastos, o uso escaso do transporte a demanda (Coche de Punto) moi por baixo das expectativas, o alugueiro innecesario dos terreos da Canicouva para a planta de compostaxe, o atasco de oito anos de tramitación para o futuro novo vial de Mollavao, o custo do desmonte do skatepark de Raíña Victoria ou o pavillón municipal da Parda, pendente desde hai 20 anos.
“Os grandes proxectos de Lores, que anuncia aos catro ventos como ideas pioneiras que se exportarán ao resto do mundo, acaban frecuentemente nun limbo. O problema é que dedica máis tempo e esforzo a facer propaganda que a liderar a posta en marcha e mantemento dos devanditos proxectos”, expresou.
O presidente do PP de Pontevedra manifestou que despois do investimento inicial para inaugurar o Gastroespazo en 2019 como elemento dinamizador de toda a actividade comercial da zona monumental, é “un auténtico desastre de xestión que se deixen languidecer os 26 postos da planta alta do Mercado e anunciar que se licitarán de novo, antes de emendar todos os déficits, entre eles os problemas de humidades e climatización que padece o edificio”.
Respecto ao Coche de Punto, Domínguez augúralle un futuro incerto, despois de que o Concello de Pontevedra informase de que a media de viaxes ao mes non supera os 170 desprazamentos. Ademais, criticou que o transporte a demanda municipal só funcione de luns a venres, en horario de mañá, no canto de dotar ás parroquias dun servizo de autobuses como o resto de capitais de provincia.
O outro proxecto que o líder da oposición considera un “fracaso” é o alugueiro dos terreos para a construción da planta de compostaxe da Canicouva por 25.000 euros anuais. ”Cada vez que Lores anuncia un servizo pioneiro para a cidade dáme terror porque adoita conlevar anos de atraso, incapacidade de xestión e malgaste de diñeiro público”, denunciou.
O portavoz popular ha asegurado que o ralentí do goberno local para sacar adiante os seus proxectos estrela é un “síntoma do esgotamento e a incapacidade de Lores e dos seus concelleiros para gobernar a cidade con só nove de 25 concelleiros”, finalizou.