• O presidente dos populares define a súa visita ao lugar da Devesa como “moi construtiva” e comprométese a visitar, periodicamente, todas as zonas do rural
• O líder da oposición visitará Verducido este mércores para escoitar as necesidades dos veciños da parroquia
O presidente e portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, manifestou o seu compromiso coas parroquias e reivindicou a importancia de “mellorar a calidade de vida dos veciños do rural pontevedrés”.
Nunha visita ao lugar da Devesa, na parroquia de Alba, o líder da oposición reuniuse con representantes veciñais que lle trasladaron as principais necesidades da parroquia. Os concelleiros populares Silvia Junco e Martín Martínez tamén participaron no encontro.
“Algúns dos problemas que comentamos cos veciños levan moitos anos sen solucionarse. Analizamos algunhas actuacións máis específicas que se deben tentar solucionar desde as diferentes administracións”, sinalou.
Domínguez comprometeuse a visitar todas as parroquias periodicamente para estar pendente das actuacións que necesitan os veciños: “Para o PP, as parroquias son fundamentais. O modelo de cidade non se trasladou ao rural, onde hai moitos deberes por facer desde o Concello”.
O popular definiu a reunión de Alba como “moi construtiva”. O mércores visitará Verducido para escoitar aos veciños desta parroquia.

