• “O Goberno nacionalista está a prexudicar directamente aos 120 futuros usuarios do centro, no seu empeño por obstaculizar a inminente apertura dunha residencia que nace da colaboración da Xunta e da Fundación Amancio Ortega. O que ocorre coas licenzas en Pontevedra non sucede en ningún outro concello”, asegura
• O líder do PP recrimina que o Concello de Pontevedra, que inviste un 70% menos que a media nacional en servizos sociais e que está á cola do resto de urbes galegas, provoque un atraso inxustificado na apertura do centro
O portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, esixiu ao Goberno local, encabezado polo nacionalista #Miguel Anxo Fernández Lores, un mínimo de responsabilidade e instoulle a “deixar de poñer trabas administrativas para que a apertura da nova residencia pública da Eiriña sexa o máis pronto posible unha realidade”.
Desde o PP de Pontevedra mostráronse “atónitos” #ante o que cualifican como un novo exercicio de hipocrisía e obstrución por parte do Goberno do BNG, despois de que o servizo municipal de Urbanismo emitise un novo requirimento para solicitar un certificado do Colexio de Enxeñeiros Industriais sobre a obra da residencia autonómica.
“Como é posible que envíen un novo requirimento, cando a Xunta xa pagou a taxa de autoliquidación fai tres meses, o último trámite administrativo necesario para ter todo preparado para a entrada dos primeiros usuarios ao centro? Como poden esixir agora un visado do Colexio de Enxeñeiros Industriais, cando o proxecto xa conta cunha declaración responsable asinada por un profesional colexiado nese mesmo colexio?”, cuestionou Domínguez.
O líder do PP recriminou que o Concello de Pontevedra solicite un certificado que provoca un atraso inxustificable na apertura da residencia, co risco de parálise que supón en pleno verán: “O que ocorre coas licenzas en Pontevedra non sucede en ningún outro concello de Galicia nin de España. Se es amigo de Lores, terás rápido a licenza. Se non o es, enfróntasche a trabas e atrasos administrativos”, denunciou.
Ademais, afeou que o Concello dificulte a xestión doutras administracións que dotarán a Pontevedra dos mellores servizos, cando a capital da provincia está á cola das cidades galegas en gasto social e, segundo os últimos datos da Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais, inviste un 70 por cento menos que a media nacional.
“No seu empeño por obstaculizar unha residencia que nace da colaboración da Xunta e a Fundación Amancio Ortega, o Goberno municipal está a prexudicar directamente aos futuros usuarios da Eiriña, unha residencia con capacidade para 120 persoas. O do BNG de Lores, nos últimos anos, é unha sucesión de desastres, e o das licenzas é de vergoña allea”, sentenciou.

