• O líder do PP convida as administracións responsables a reflexionar sobre a “preocupante imaxe que a cidade está a trasladar e que vai a máis cun incremento dos altercados, roubos e situacións de violencia que xeran unha crecente sensación de inseguridade”
• O gañador das municipais reclama todos os medios necesarios para garantir o benestar e a tranquilidade dos pontevedreses, co obxectivo de “converter Pontevedra na cidade que todos queremos”
O presidente e portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, trasladou este martes ao comisario xefe provincial da Policía Nacional, Juan José Díaz, a súa condena firme polos graves incidentes ocorridos este sábado na rúa Loureiro Crespo, así como a súa solidariedade cos axentes feridos durante a súa intervención para garantir a seguridade das persoas.
O líder do PP convidou ás administracións responsables da falta de persoal e de medios dos policías locais e nacionais a reflexionar sobre a “preocupante imaxe que Pontevedra está a trasladar nos últimos anos, e que vai a máis cun incremento dos altercados, roubos e situacións de violencia que xeran unha crecente sensación de inseguridade, especialmente, entre mulleres, nenos ou persoas maiores”, para que poñan todos os medios dispoñibles ao seu alcance.
“Estamos a asistir a un incremento deste tipo de situacións, tanto en número como en gravidade, e isto é algo que xa perciben con preocupación os veciños de Pontevedra. Non se trata de feitos illados, como defendían non fai moito o BNG e o PSOE, senón dunha problemática que se agrava e que esixe unha resposta inmediata”, recalcou o portavoz popular.
Co afán de mellorar a situación dunha vez por todas, Domínguez demandou ao Goberno central o reforzo urxente do persoal da Policía Nacional en Pontevedra, e a cobertura inmediata de todas as vacantes existentes que non se están cubrindo e que afectan ao conxunto de Galicia.
Do mesmo xeito, esixiu ao Goberno local que aumente o número de efectivos da Policía Local e que se mellore a coordinación entre os diferentes corpos de seguridade, despois de que o Concello de Pontevedra reducise 129.008,51 euros o orzamento da partida destinada a Seguridade e Orde Público no Orzamento municipal para 2025, aprobado este luns cos votos en contra dos 11 concelleiros do PP.
“Pontevedra non pode seguir trasladando a imaxe dunha cidade insegura, onde aumentan os roubos e as pelexas. Desde o PP imos seguir reclamando todos os medios necesarios para garantir a seguridade e tranquilidade dos pontevedreses, para convertela na cidade que todos queremos”, concluíu Domínguez.