• O PP de Pontevedra urxe actualizar o PXOM de 1989, modernizar o Peprica de 2003, mellorar a transparencia administrativa, acelerar as licenzas municipais, reforzar a área de Urbanismo, crear unha mesa de traballo cos colexios profesionais, facilitar que os proxectos sexan máis abertos e participativos e ampliar o chan industrial
• Domínguez e Pardo reúnense cos profesionais de COAG, COATPO, CITOP e ICOIIG para ofrecer “solucións concretas, realizables e necesarias #ante a parálise absoluta do goberno do BNG”
O portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, presentou un decálogo de medidas que pon en cuestión a inacción do goberno local de #Miguel Anxo Fernández Lores #ante a subida exponencial dos prezos da vivenda, a escaseza de pisos de alugueiro e as dificultades dos mozos para poder emanciparse na capital da provincia.
Co obxectivo de ofrecer medidas realistas e consensuadas cos profesionais do sector, o líder dos populares e a concelleira Pepa Pardo mantiveron unha reunión de traballo con representantes do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), do Colexio de Aparelladores de Pontevedra (COATPO), do Colexio de Enxeñeiros Técnicos de Obras Públicas (CITOP) e do Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG).
Todos os colexios coincidiron co PP de Pontevedra na necesidade urxente de elaborar un novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) e deixar atrás o que está en vigor desde o ano 1989. Domínguez afirmou que “ningunha cidade pode planificar o seu futuro para as próximas décadas de 2030, 2040 ou 2050 cun documento redactado fai máis de tres décadas” e lamentou que Lores “siga negándose a impulsar unha novo PXOM pese ao sentir unánime dos expertos”.
O líder da oposición lembrou que o Concello de Pontevedra terá que pagar un millón de euros por uns terreos na rúa Bibiano Fernández Osorio-Tafall, valorados en 217.000 euros polos técnicos municipais. “E o que che roldarei, morena” alertou en referencia a outros procesos abertos que conlevarán máis expropiacións por ministerio da lei por culpa de ter un PXOM “obsoleto”.
Así mesmo, os colectivos coinciden na necesidade de estudar unha modificación do Peprica que responda á realidade actual do centro histórico, e non á aprobada no contexto do ano 2003. “O atraso do novo catálogo de bens patrimoniais, que o goberno do BNG comprometeuse a estrear en 2023, é inxustificable dous anos despois, polo que solicitaremos por rexistro o expediente completo, como xa fixemos nas comisións informativas do Concello”, adiantou.
Doutra banda, Domínguez incluíu no seu decálogo de medidas unha proposta para facilitar a construción de vivenda unifamiliar no rural mediante a delimitación clara dos núcleos, reforzar a área municipal de Urbanismo para axilizar a tramitación das licenzas e favorecer a transparencia administrativa permitindo que calquera cidadán poida consultar en liña o estado do seu expediente a través da sede electrónica municipal.
Así mesmo, propuxo reforzar o carácter aberto e participativo dos proxectos públicos, abordar nunha mesa de traballo permanente entre a administración e os colexios profesionais as dúbidas administrativas, a coordinación de criterios interpretativos e as actualizacións lexislativas, e seguir traballando da man da Xunta de Galicia na ampliación de chan industrial para crear emprego estable e de calidade.
O xefe dos populares da cidade afirmou que “esta ferramenta permitirá xerar sinerxias, reducir tempos e mellorar a transparencia municipal”. Nese sentido, tamén defendeu o impulso das ECCOM como vía eficaz para axilizar licenzas con garantías xurídicas.
O PP de Pontevedra aposta e apostará nun futuro se alcanza a alcaldía por seguir asesorándose cos profesionais que mellor coñecen a realidade do sector inmobiliario co obxectivo de xerar actividade económica e, sobre todo, reducir o prezo da vivenda na cidade.
Domínguez finalizou a súa rolda de prensa cunha crítica feroz a Lores: “Mentres o alcalde non presenta ningún plan nin adopta ningunha iniciativa, no PP traballamos para ofrecer solucións concretas, realizables e necesarias desde a administración. Temos un plan para contribuír a paliar os problemas da vivenda en Pontevedra. O plan de Lores nin está nin se lle espera”.

