• O presidente do Partido Popular de Pontevedra rexistra unha moción para reducir os tres impostos e taxas máis importantes do Concello: o IBI, o imposto sobre vehículos e a recollida de lixos.
• O popular defende que o Concello ten “marxe de manobra para abordar estas baixadas”: “Entendemos que estas reducións deben ser similares á inflación, dun 7,5% aproximadamente”
• Ademais, Domínguez pide que esta redución leve tamén a cabo na taxa de veladores: “É un avance importante para axudar a un sector que o pasou tan mal nos últimos tempos”
O presidente do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, acompañado polo concelleiro Gerardo Pérez, propuxo unha baixada na carga impositiva municipal. Esta redución sería en tres dos principais impostos e taxas do Concello: o Imposto sobre Bens Inmobles, o Imposto sobre vehículos de tracción mecánica e a taxa de recollida de lixos. Ademais, o popular propón unha redución na taxa de veladores.
Todo iso formará parte dunha moción que o popular defenderá no próximo Pleno municipal e que será un avance das medidas económicas que a formación local presentará no primeiro mes do 2023 e que estará incluído no seu programa electoral.
Domínguez cre que debido ao proceso inflacionario a vontade do Partido Popular é a de tentar mellorar a capacidade económica dos pontevedreses, con especial atención a aqueles que teñen unha económica máis comprometida. “A subida dos carburantes, da luz e da cesta da compra, entre outros, minguan a capacidade económica dun gran número de pontevedreses”, explicou o popular sobre a orixe desta proposta.
Por iso, o presidente dos populares propón unha redución dos impostos e taxas municipais polo menos nunha porcentaxe similar ao da inflación no noso país: un 7,5%. “Creo que o Concello ten suficiente marxe de manobra para aceptar a nosa proposta”, explicou. Domínguez estima unha redución na recadación que se compensa coa “bajísima taxa de execución” municipal.
“É un xesto importante que axudará a reducir os gastos das familias da nosa cidade, con especial atención a aquelas que peor o están pasando. No mes de xaneiro presentaremos a nosa proposta económica para a cidade de Pontevedra, cun nova unha baixada de impostos acompañada dun mellor aproveitamento dos recursos públicos”, destacou o popular.
“Non podemos ter o segundo recibo do lixo máis alto de España e ter unha cidade sucia; non podemos ter un imposto de vehículos sen ter nin un só punto de carga para coches eléctricos; non podemos ter unha recadación do IBI que se dispara desde hai 10 anos mentres tantas e tantas casas no rural nin sequera teñen saneamento ou as condicións mínimas de luz, de seguridade ou de recollida de lixos”, exemplificou.
“Cando sexa alcalde prometo facer moito máis con moito menos”, rematou Domínguez.



