HomePontevedraDomínguez solicita un estudo individualizado para a recolocación dos contedores de lixo...

Domínguez solicita un estudo individualizado para a recolocación dos contedores de lixo no centro urbano: “A súa situación atenta contra o comercio local”

- Anuncio -spot_img

O presidente do PP pontevedrés, Rafa Domínguez, rexistrou unha proposta que será debatida no próximo Pleno municipal: “Tivemos coñecemento de múltiples queixas nas que se solicita o cambio”

“A colocación dos mesmos choca coa estética de calquera cidade. Mesmo prexudica ao comercio local, habendo contedores xusto diante dos seus escaparates, habendo en moitos casos zonas sen comercios locais á beira”

O presidente do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, rexistrou este venres unha moción na que solicita o estudo individualizado para a posterior recolocación dos contedores no centro urbano. O popular defende que un dos problemas que padece Pontevedra é o da recollida de lixos, e recoñece que a colocación dos contedores na urbe “choca coa estética da nosa cidade”: “Noutras ocasións atenta directamente contra o comercio local, ao haber estes depósitos de lixo diante dos propios escaparates, incluso habendo preto zonas sen comercios locais que poderían ser utilizadas”.

Pero Domínguez non só pon o foco no comercio local. “Non parece ter xustificación que haxa unha fila de contedores no lateral do noso Teatro Principal, un dos edificios máis emblemáticos da nosa cidade; nin ten xustificación que o Colexio Médico de Pontevedra, lugar que representa a este colectivo da nosa cidade, precisamente no ano da pandemia, teña unha muralla de contedores que dificulta o seu acceso”, puxo como exemplo Domínguez no documento.

Ademais, Domínguez explicou que tivo coñecemento de “múltiples queixas por parte de veciños, colectivos ou comercios locais” nos que se solicita o cambio: “En moitas ocasións a resposta foi cando menos dispersa, cando non directamente inaceptable”. Estes, para o popular, “son só algúns dos exemplos que presentan a nosa cidade, pero cónstanos que son moitos os problemas que a colocación dos contedores”.

“Conscientes de que é un problema complexo que require de moita atención, propoñemos un estudo pormenorizado para a recolocación na medida do posible dos contedores que xeren problemas no noso centro urbano”, argumentou o popular. Nesta liña, Domínguez recoñeceu que outro punto para tratar será o dos contedores no rural, “pero entendemos que merecerá outra moción”, avanzou

Publicacións Relacionadas