O presidente dos populares de Pontevedra, Rafa Domínguez, cualificou como un “agravio” que a capital da provincia non estea incluída no plan de axudas do Organismo provincial: “Chegan moi tarde e aprema a axilidade”
O popular esixiu “a máxima celeridade” para que a Deputación estea “á altura da situación”: “Pedimos un convenio que se corresponda á capacidade económica da institución provincial e que chegue ao sector rapidamente”
O presidente do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, urxiu este sábado ao Concello á firma dun convenio de colaboración coa Deputación ao quedar Pontevedra fóra das axudas provinciais á hostalería, pemes, comercio local, etc. O popular declarou que estes “son dos sectores máis afectados pola pandemia e as consecuencias que tivo a pandemia sobre eles non poden pasar desapercibidas para a Deputación”. “É un agravio para a nosa cidade o quedar fóra desta convocatoria e cremos que ambas as institucións deben emendar esta inxusta situación cun convenio de colaboración”, engadiu o popular.
“É de vital importancia a colaboración entre a Deputación e o Concello. As axudas provinciais chegan moi tarde e aprema a axilidade. Cremos que debe ser unha aposta decidida e compartida entre ambos, adecuada á capacidade económica de cada un dos organismos. O único que fai falta é a vontade política das partes para poñer solución a este agravio cara a Pontevedra”, explicou Domínguez.
“As axudas da Deputación de Pontevedra deixan fóra á cidade Pontevedra: o que é incongruente e ilóxico. É un desprezo a todos os nosos veciños, Son os pontevedreses menos que os demais? Son os hostaleiros, autónomos e comerciantes de Pontevedra distintos aos demais? Pido que se poña solución de maneira inmediata a esta situación e póñase fin a este desprezo cara á nosa cidade”.



