• Esta iniciativa faise realidade grazas á colaboración entre o Concello e a UNED
• As dúas estudantes efectuarán desde o día 16 traballos vencellados a estudos de factores criminolóxicos, poñendo o foco nos delitos de odio, a seguridade viaria ou no Axente Titor
Un ano máis, a Policía Local de Poio contará durante varias semanas co reforzo de estudantes do Grao de Criminoloxía, ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa Universidade Nacinal de Educación a Distancia (UNED), rubricado por primeira vez en 2021. A través deste acordo, nesta ocasión son dúas as estudantes que se atopan xa no último ano de estudos para levar a cabo as súas prácticas no corpo de seguridade municipal, que iniciarán o vindeiro día 16 de marzo.
Así o confirmou este xoves a responsable de Seguridade Cidadá, a nacionalista Marga Caldas, que explica que esta liña de cooperación aberta coa UNED sirve para que “poidamos acadar un dobre obxectivo, toda vez que axudamos á formación de futuros profesionais do eido, ao tempo que tamén contamos coa súa implicación para desenvolver diferentes tarefas durante a duración das súas prácticas, que estarán supervisada polo xefe da Policía Local”. Así, entre os traballos a desenvolver contémplase a elaboración de estudos de factores criminolóxicos, como poden ser roubos, furtos ou xestións vencelladas ao sistema VioXen.
Outro punto no que tamén se pon o foco con este convenio é en continuar potenciando o seguimento en todo o relacionado con delitos de odio e contra a liberdade sexual, un aspecto no que “no Concello de Poio estamos moi sensibilizados, para garantir o dereito de igualdade para todas as persoas”, apunta a responsable de Seguridade Cidadá. As dúas novas integrantes da Policía Local de Poio traballarán, asemade, na elaboración de informes criminolóxicos vencellados á seguridade cidadá, especialmente naqueles que teñan que ver con condutores e condutora reincidentes, e no programa Axente Titor. Este é un servizo especializado na promoción do respecto aos dereitos da infancia que actúa o da protección ao menor e a prevención na contorna escolar. Marga Caldas recorda que Poio foi un dos primeiros concellos de menos de 20.000 habitantes de Galicia en contar con este programa.
A edil de Seguridade Cidadá deu a benvida ás estudantes en prácticas e aposta por manter esta liña de colaboración coa UNED, en favor da formación. Cómpre lembrar que este convenio refírese tanto ao Grao de Criminoloxía como ao Máster de Seguridade Pública.



