• Jorge Cubela trasladou a dor e a solidariedade de todo o pobo de Cerdedo-Cotobade aos familiares dos falecidos no fatal accidente
Veciños e autoridades concéntranse na Praza do Concello, en Cerdedo, para gardar un minuto de silencio convocado polo Concello de Cerdedo-Cotobade en memoria das 7 vítimas mortais do accidente do autobús ocorrido o pasado sábado na parroquia de Pedre.
No acto de solidariedade coas familias déronse cita membros da Corporación Municipal de Cerdedo-Cotobade, deputados provinciais, deputados autonómicos e nacionais así como membros dos corpos e seguridade do Estado e de Protección Civil de Cerdedo-Cotobade que
estiveron no operativo de rescate desde o primeiro momento. Tamén estiveron o alcalde da Estrada e Campo Lameiro así como concelleiros doutros concellos limítrofes e do delegado da Xunta en Pontevedra, Luís López.
O alcalde, Jorge Cubela, confirmou o rescate da sétima vítima mortal do sinistro e procedeu a agradecer aos asistentes a súa presenza. Asimismo, moi emocionado, deu lectura a un comunicado de pesar onde sinalaba que “estamos hoxe aquí para testemuñar a nosa dor e a nosa solidariedade con esas familias que sufriron a fatalidade de perder nunhas datas tan sinaladas como estas aos seus seres queridos dun xeito inxusto e totalmente inesperado. Unímonos aquí todos nós, neste acto cívico, nun sentimento, un exercizo de humanidade e consternación colectiva para axudar a facer fronte ao abatimento que sufren estas familias e ás que lles queremos transmitir e testemuñar, hoxe máis que nunca, o noso arroupo e a nosa empatía ante unha traxedia destas magnitudes”.
“Sabemos que nestes momentos de incomprensión e dor non hai nada que poida reconfortar tan sensible perda, pero aínda así, todos os que estamos aquí, de diferentes sensibilidades, formas de pensar e mesmo de sentir, queremos facer un acto de solidariedade gardando un minuto de silencio en memoria dos falecidos. Pedre, Cerdedo-Cotobade e Galicia enteira sinten a vosa dor e a vosa frustración, pero ante a adversidade quero que saibades que todo o voso pobo está con vós nestes momentos difíciles e que fai votos para que desta traxedia xurda a forza necesaria para poder superar estas doorosas circunstancias”.
Concluiu dicindo: “Sirva logo, este minuto de silencio, de homenaxe, de simbólica aperta e de impulso superador ante este duro golpe recibido”
Despois de gardar escrupulosamente o minuto de silencio os concentrados irrumpiron cun sonoro e prolongado aplauso na memoria das vítimas.



