O Concello de Salvaterra de Miño inicia as obras enmarcadas dentro da anualidade 2025 do Plan Camiña Rural para a mellora da pavimentación en Aldea e Cotodouro, na parroquia de Alxén, cun orzamento de máis de 68.000 euros financiado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.
Neste ano levarase a cabo a pavimentación en Aldea e no ano 2026 realizaranse as obras de mellora de firme en Cotodouro.
A actuación na vía principal de Aldea prevé a limpeza de marxes e apertura de cunetas ao longo de 352 metros e a execución dunha nova capa de rodadura, co recrecido de 15 tapas de rexistro existentes, o pintado das liñas laterais de borde e un STOP na intersección coa EP-4005 e o asfaltado de 329 metros nun ramal, que contempla tamén un pequeno ensanche da plataforma en dous tramos, a limpeza de marxes e a apertura de cunetas existentes, ademais do recrecido de 11 tapas de Rexistro, o pintado das liñas laterais e un STOP para sinalizar os entronques de inicio e final de tramo.



