HomeVigoMosEncontro de palilleiras e alumnado do IES de Mos no marco da...

Encontro de palilleiras e alumnado do IES de Mos no marco da feira FormaMos para impulsar a artesanía entre a mocidade

- Anuncio -spot_img

O Concello de Mos acolleu hoxe un encontro entre a Asociación de Palilleiras de Mos e alumnado de Bacharelato de Artes do IES de Mos, unha iniciativa enmarcada na programación da feira FormaMos e orientada a fomentar o coñecemento da artesanía tradicional entre a xente nova.

A actividade permitiu ao alumnado achegarse ao oficio do encaixe de palillos a través de demostracións prácticas das Palilleiras de Mos, que lles facilitaron almofadas para que os estudantes puideran experimentar co proceso de creación.

Este encontro, no que tamén estivo presente a concelleira de Educación Julia Loureiro, supón o inicio dunha colaboración que se desenvolverá ata este venres ás 11:00 horas, momento no que se darán a coñecer os traballos gañadores que se votarán en redes e tamén en directo no FormaMos.

O alumnado elaborou propostas de deseño gráfico para a portada do detalle que recibirán as palilleiras participantes nas actividades municipais, mentres que un segundo premio servirá como imaxe oficial do cartel da Xuntanza de Palilleiras deste ano.

A iniciativa busca poñer en valor o labor da Asociación de Palilleiras de Mos nunha actividade que integra artesanía, cultura e creatividade xuvenil dentro do contexto da feira FormaMos, centrada na orientación e no impulso do talento.

Durante a xornada, tamén se informou ao alumnado sobre o Concurso de Noveis Deseñadores 2026, cuxo prazo de inscrición xa está aberto e que terá lugar no mes de xuño, nunha aposta por apoiar a creación emerxente vinculada ao encaixe artesanal.

Publicacións Relacionadas