• ADEMAIS DO SEU CONCURSO MORFOFUNCIONAL, EIXO CENTRAL DO EVENTO, CONTARÁ CON COMPETICIÓNS DE DOMA CLÁSICA E ENGANCHES, CONFERENCIAS OU BAUTISMO A CABALO PARA OS MÁIS PEQUENOS
• LEVARASE A CABO NO RECINTO FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA E A SÚA ENTRADA SERÁ GRATUÍTA
Equina Galicia celebrará a súa oitava edición do 29 ao 31 de xullo. Será de novo no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA, converténdose nunha cita gandeira, deportiva e de cultura ecuestre do máis alto nivel, que un ano máis consegue situarse como o evento máis importante do noroeste de España e un dos máis destacados de todo o país.
O certame, organizado pola Asociación de Criadores de Cabalos Españois de Galicia (ACCEGA) coa colaboración da Fundación Semana Verde de Galicia, está a ultimar un programa con gran cantidade de actividades para unha cita cuxa entrada será de novo gratuíta.
Como eixo principal do evento, desenvolverase durante os tres días o VIII Campionato de España Pura Raza Española-ANCCE de Galicia, o cal conseguiu para esta edición a categoría tres estrelas, a máxima a nivel nacional, por parte da Real Asociación Nacional de Criadores de Caballos de Pura Raza Española (ANCCE).
Esta competición, que inclúe tanto morfoloxía como funcionalidade, contará coa participación de destacadas ganderías nacionais desta raza, da que a nivel mundial hai rexistrados uns 260.000 exemplares e en Galicia uns 6.700 animais cunha crecente demanda de poldros por parte dos gandeiros para a súa cría. A importante presenza nesta proba permitirá a Equina Galicia cumprir máis que nunca un dos seus principais obxectivos, dar a coñecer a importancia da gandería ecuestre e xerar interese no mundo do cabalo.
No Campionato clasificaranse os cinco primeiros de cada sección, por idade, para a final do Campionato do Mundo, a cal se celebrará a finais de novembro en Sevilla, no marco do Salón Internacional de Pura Raza Española (SICAB).
Será emitido en directo a través da canle da internet de ANCCE para os 67 países con presenza do Libro Xenealóxico PRE, podéndose ver as probas en tempo real.
Doma, enganches e conferencias
Ademais deste concurso morfofuncional, Equina Galicia programou xa outras interesantes competicións, como as de doma. Destacará o IV Trofeo de Doma Clásica modalidade olímpica Xunta de Galicia – Medio Rural, onde está prevista a participación da maioría de Clubs Hípicos de Galicia, cos seus mellores binomios desde alevíns ata xinetes e amazonas profesionais nunhas probas nas que están permitidas todas as razas equinas. Sumarase o Territorial e a XXIV Copa Accega, que resulta de gran interese para os criadores que queren ver e probar en alta competición os seus exemplares máis novos para a súa selección futura como cabalos de Pura Raza Española deportivos.
Así mesmo, celebrarase unha das probas territoriais de Enganches, que pecharán Equina o domingo ao mediodía con participantes nas modalidades Sulky, con coches de dúas rodas e un cabalo; Limonera e Troncos, ambas consistentes en carruaxes de catro rodas pero cun cabalo no primeiro caso e con dous no segundo, e tamén Cuartos, con catro cabalos.
No seu interese por fomentará a cultura e formación gandeira tanto para veteranos como para emprendedores, Equina Galicia acollerá o sábado ás 12.00 horas unha conferencia centrada nas dúbidas máis frecuentes sobre os procedementos do Libro Xenealóxico da Pura Raza Español e as aplicacións da xenómica no Programa de Cría do PRE. Será impartida por Pedro J. Azor, subdirector do Libro Xenealóxico e director técnico do Programa de Mellora do PRE.
Por outra banda, os máis novos contarán con “bautismo hípico”, que lles permitirá vivir a súa primeira experiencia a cabalo ou poni.