HomeTabeirósCerdedo - CotobadeErnesto Filgueira acusa a Cubela de utilizar a súa maioría absoluta para...

Ernesto Filgueira acusa a Cubela de utilizar a súa maioría absoluta para degradar o pleno municipal e convertelo nun chiringuito do PP

- Anuncio -spot_img

O BNG non será cómplice do lodazal madrileño que o alcalde quere traer a Cerdedo-Cotobade

O alcalde Jorge Cubela ven de convocar un pleno extraordinario para o vindeiro xoves para a “aprobación de expedientes de expropiacións e a axenda urbana”, pero no que o PP colou unha moción súa “en defensa do Estado democrático e en repulsa da corrupción que afecta á presidencia do goberno de España”, un punto este último, que, evidentemente, transcence con moito o que son as competencias municipais, e que responde unicamente á política de crispación ordenada polo PP madrileño, e do que o BNG non vai facer parte.

“O PP estase acostumando a utilizar a súa maioría para levar aos concellos debates espúreos que só responden aos seus intereses políticos, repetindo, cal cacatúa, o argumentario remitido desde a sede central do seu partido en Madrid. E o BNG non vai participar desta opereta bufa nin vai contribuír a extender un clima de crispación”, afirmou o portavoz nacionalista, Ernesto Filgueira.

Mais non deixa de ser curiosa a doble vara de medir de Cubela e o PP: “indígnanse todos por un caso de presunta corrupción que está a ser investigado e que afecta a membros do PSOE, e calaron e calan vergonzosamente cando o propio PP foi condeado por corrupción ou cando o presidente da Xunta ocultou durante meses que mantivo no seu goberno a un presunto agresor sexual”.

O BNG condeou e condea sempre a corrupción. Algo que non fixo o PP. Se hai unha forza política que pode presumir de non ter casos de corrupción nos seus máis de corenta anos de historia, esa é o BNG. O PP, pola contra, foi unha forza marcada pola corrupción a gran escala, ao longo de toda a súa existencia.
“Se o alcalde quere falar das necesidades e dos problemas de Cerdedo-Cotobade, estaremos sempre dispostos, pero nunca participaremos se o que pretenden é traer ao noso concello o lodazal madrileño”, concluíu Filgueira.

Publicacións Relacionadas