Ernesto Filgueira: “Non é primeira vez que levamos iniciativas ao pleno instando ao PP a porlle solución ás, lamentábelmente, habituais verteduras do saneamento ao medio natural, unha situación mantida no tempo e agravada ao longo dos últimos doce anos de goberno de Jorge Cubela. E continúa sen prestarlle caso algún”.
O BNG de Cerdedo-Cotobade ven de facer unha ruta polas diferentes parroquias para estudar in situ a situación na que se atopa a rede do saneamento municipal e as respectivas decantadoras. Esta análise de situación ten a súa razón de ser nas denuncias públicas feitas pola veciñanza en diversas parroquias do termo municipal após as intensas choivas dos últimos meses onde o BNG constatou que algunhas das decantadoras e puntos da rede expulsaban augas fecais misturadas coas augas pluviais.
“Problema ao que se lle debe prestar máxima atención e garantir unha pronta solución”, en palabras do portavoz municipal Ernesto Filgueira.
A situación que presenta a actual rede de saneamento municipal é lamentábel e de máxima gravidade. Ten puntos de ruptura parcial ou total das tubaxes mesmo antes de enlazar coas decantadoras, provocando situacións de verteduras aos camiños públicos, ao entorno natural e aos ríos e regatos próximos. Pola súa banda, as decantadoras que presentan notábeis deficiencias en canto á súa funcionalidade, peches perimetrais deteriorados, sen mantemento e invadidos de maleza.
No BNG tamén nos preocupa a falla de saneamento en diversos lugares e barrios do concello, causando unha criticábel desigualdade entre veciñas e veciños á que se lle debe por solución, pois, en palabras de Filgueira “á veciñanza debe contar co mesmo nível de servizos vivan na parte da parroquia na que vivan”.
Así pois, o BNG leva ao pleno de final de mes unha moción para acadar o apoio unánime da corporación para acabar coa desigualdade veciñal e darlle unha solución integral de mellora á rede de saneamento. Ernesto Filgueira solicita na moción unha auditoría da rede municipal
para coñecer con exactitude a súa situación real, extender o saneamento aos barrios e lugares que non contan co servizo, e aprobar no 2023 un plan de investimentos para a mellora integral da rede de saneamento municipal no que se priorice a reposición das tubaxes e arquetas deterioradas, a separación das augas fecais das pluviais e a substitución das precarias decantadoras actuais que seguen a verter ao espazo público e natural.
Ernesto Filgueira. “ Insto ao PP a tomarse moi en serio esta iniciativa tendo en conta a precaria situación na que mantén a rede pública de seneamento e advírtolle do cabreo da veciñanza que, após doce anos do seu goberno, continúan privados do dereito a contar co servizo de saneamento.



