Dentro da programación da concellería de Igualdade co gallo da celebración do 8M, o Concello de Redondela están a realizar rutas guiadas para escolares. Baixo a denominación “Mulleres: da historia á memoria” o alumnado pode coñecer o legado que moitas mulleres deixaron en Redondela, e que foron silenciadas pola historia. O percorrido a pé, cunha guía profesional, comeza na praza de Ponteareas, onde nenos e nenas coñecen a historia das mulleres do Convento de Vilavella ou a Lenda da Moura. Outra parada obrigada é a contorna da antiga fábrica de Regojo, onde a man de obra feminina fixo posible unha gran industria téxtil. O percorrido achégase ata a Casa da Torre para coñecer a Carolina García Tenreiro. Mestra e política do Partido Republicano Radical, en 1934 foi nomeada concelleira de Redondela, sendo a primeira muller nese cargo. As “madriñas” de San Simón son tamén protagonistas deste roteiro, ao igual que Ernestina Otero, Rita Regojo, Lola “a Jamaica” ou Josefa Puga “a Garavilla”. A visita rematou na Casa do Concello, onde conversaron coa alcaldesa Digna Rivas, primeira muller en ostentar este cargo en Redondela, e coa concelleira Iria Vilaboa. As rutas guiadas para escolares continuarán ao longo dos meses de marzo e abril.
Outra actividade da programación do 8M son as charlas “Tecnoloxías e novas formas de violencia de xénero”. Esta actividade estase a celebrar nos centros educativos do municipio e tamén en centros culturais de diferentes parroquias. Este venres, día 14, será no CC. Quintela, ás 19.30, e en vindeiras semanas será nos centros culturais de Cesantes, Miñoteira-Ventosela, Saramagoso e no Multiúsos de Chapela. O obxectivo de levar estas charlas formativas ás parroquias é facilitar a participación de toda a veciñanza. Serán nos meses de marzo e abril.
VI xornadas Xemma Pereira
Hoxe mércores comezan as xornadas de emprendemento feminino “Xemma Pereira” con actividades de formación para o comercio local. Impártense nas Oficinas de Turismo con clases sobre dinamización de ventas, ciberseguridade nas ventas electrónicas, etc. Serán todos mércores, ata o 8 de abril de 20:30 a 22:00 horas. Inscrición en igualdade@redondela.gal.
Estas actividades fináncianse grazas ao Pacto de Estado contra a violencia de xénero do Ministerio de Igualdade.