Co gallo da celebración do Día Mundial de Auga, ponse en marcha un concurso de debuxo que organiza Aqualia en colaboración coa Concellería de Medio Ambiente do Concello de Redondela. Esta actividade, de ámbito local, está dirixa ao alumnado de 3º e 4º de primaria dos centros educativos de Redondela. Os nenos e nenas teñen que deseñar un cartel sobre o coidado da auga e do medio ambiente para acadar un desenvolvemento sostible e mellorar o planeta.
Desde Aqualia, empresa concesionaria do abastecemento e saneamento da auga, ofrecen aos centros de ensino de Redondela un completo programa de actividades que acompaña ao concurso de debuxo. Trátase de cómics, vídeos de animación educativos, xogos e unidades didácticas sobre o cambio climático e a relevancia do ciclo integral da auga. Os protagonistas da campaña son uns superheroes chamados “Gardiáns Sostibles”, encargados de protexer o planeta e que inculcan aos nenos e nenas actitudes sostibles para o seu día a día.
Para os gañadores do concurso haberá tres premios: unha tableta para o gañador e un reloxo intelixente para cada un dos dous finalistas.
O prazo de presentación dos debuxos é desde o 22 de marzo ata o 22 de maio.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e os concelleiros Iván Valles (Ensino), Alberto Álvarez (Medio Ambiente) e Roberto Villar (Sostibilidade) participaron na presentación desta campaña xunto con Ramiro Gutiérrez, Xefe de servizo de Aqualia en Redondela. Desde o Concello de Redondela animan a todos os nenos e nenas a participar no concurso e aprender máis sobre o ciclo da auga e a súa importancia para a nosa saúde e para o medio natural.