• Estiveron acompañados do alcalde Alejandro Lorenzo e de Vanesa Andrade, directora xeral do grupo Zendal, promotor da mostra
Conmemorar o talento feminino no Día da Muller e a Nena na ciencia, que se celebra cada 11 de febreiro, ese é o principal obxectivo da exposición “Mujeres científicas de ayer, hoy y mañana”, organizada polo grupo Zendal, que se pode visitar no centro cultural do Porriño.
Esta mañá, as instalacións recibían a visita dun grupo de escolares do CEIP Xosé Fernández López que se amosaron interesados por coñecer as traxectorias e os logros no mundo da ciencia das 23 mulleres que compoñen a mostra. O alumnado estivo acompañado ademais polo alcalde Alejandro Lorenzo e a directora xeral do grupo Zendal, Vanesa Andrade.
Dende o Concello do Porriño compartimos co grupo Zendal a importancia de visibilizar a presenza feminina na ciencia e impulsar a incorporación de máis mulleres ás carreiras STEM. Trátase de dar pasos para conseguir que, cada vez máis, as mulleres desenvolvan as súas traxectorias profesionais no ámbito científico, tecnolóxico e matemático, área cun forte crecemento e na que aínda teñen unha presenza minoritaria.



