- O Padroado Municipal de Santa Trega ofrece visitas de balde durante o verán para que veciños e turistas descubran a historia do Castro
O Monte Santa Trega é o recurso máis destacado da Guarda polos seus valores patrimoniais, relixiosos e paisaxísticos e o Padroado Municipal de Santa Trega ofrece unha tempada máis as visitas guiadas ao Castro Santa Trega para que os visitantes e veciños poidan coñecer mellor o valor arqueolóxico deste monte.
O punto de encontro é o aparcadoiro da Casa Forestal e a visita percorre as diferentes áreas escavada, incluíndo a zona norte coas vivendas reconstruídas e a muralla ata a zona da Mergelina, na ladeira ao lado do río Miño.
Dende hai máis dunha década que se ofrece esta actividade e segue tendo unha excelente acollida cunha media de 20 persoas en cada visita guiada. O público habitual son turistas e visitantes nacionais que pasan as súas vacacións en Galicia. Ademais tamén realizan esta visita veciños da Guarda e da comarca con interese na historia e paisaxe do Monte Santa Trega e outros acompañan a familia e amigos que visitan a nosa vila.
A duración da visita é de 45 minutos, aínda que sempre é interesante completala coa visita ao Museo Arqueolóxico Monte Santa Trega (MASAT), que estará aberto en xuño e setembro en horario de 10:00 a 20:00h de martes a domingo, e que amplía o seu horario en xullo e agosto de 9:00 a 21:00h.
Os meses de xuño e setembro adoitan ser datas preferentes para visitas guiadas concertadas para grupos e escolares polo que a visita guiada regular nestes meses será as fins de semana ás 12:00h.
Para os meses de xullo e agosto amplíase a oferta con visitas de martes a domingo e 4 quendas ao día (12:00, 13:00, 18:00 e 19:00), agás o domingo 10 de agosto que non haberá visitas. Estas visitas guiadas non precisan reserva previa e son gratuítas pero aqueles que accedan ao Monte Santa Trega en vehículo deberán abonar o prezo público.
Para calquera dúbida poden consultar directamente no Museo Arqueolóxico no tel. 690 01 70 38 ou un correo electrónico a masat@aguarda.es.