Segundo roteiro guiado no marco do programa “Ríos, aldeas, montañas” do Concello de Covelo
No marco do programa “Ríos, aldeas, montañas de Covelo” desenvolto polo Concello de Covelo en colaboración coa Deputación de Pontevedra, este domingo día 26 terá lugar o segundo roteiro guiado do ano 2023 que nos levará polo Camiño das estrelas.
O número de prazas está limitado a 25 persoas que para participar deberán inscribirse no número de teléfono 654.500.652.
A distancia do percorrido circular é de 8 km e a duración aproximada de tres horas saíndo dende a igrexa de San Salvador de Prado ás 09:30 horas.
Grazas a este programa de actividades totalmente gratuítas as persoas poden coñecer o alto valor medioambiental e etnográfico do noso concello.
O roteiro do Camiño das Estrelas é unha senda dependente da Comunidade de Montes de San Salvador de Prado. De percorrido lineal de ida e volta, cun tramo circular, ten como eixo principal as beiras do río Tea. Comeza á altura da igrexa parroquial de San Salvador nela atopamo muíños, levadas de auga e a espectacular fervenza de Parrelos que xunto á Carballaeira do Rei conforman un conxunto de alto valor paisaxístico.
O guía de montaña, biólogo e fotógrafo Julio Eiroa será o encargado de acompañar ás persoas participantes para ir explicándolles a importancia da fauna e flora que os arrodea.



