HomeTabeirósA EstradaEste xoves o pleno debaterá sobre ALTRI

Este xoves o pleno debaterá sobre ALTRI

- Anuncio -spot_img


Xoán Reices: “ O PP ten a oportunidade de poñerse de lado dos veciños e veciñas da Estrada que maioritariamente están en contra da macrocelulosa ou seguir do brazo de ALTRI e de Rueda, que abraza sen rubor este proxecto

Este xoves o pleno ordinario do concello da Estrada debaterá dúas mocións sobre a macrocelulosa ALTRI en Palas de Rei. Unha será defendida polo BNG e a outra polo PP, o grupo de goberno.

Segundo explicou o portavoz municipal, Xoán Reices, “hai unhas semanas o goberno do PP propuxo aos grupos da oposición unha moción conxunta sobre a macropasteira de ALTRI en Palas de Rei”. “Como xa lle indicamos ao representantes do PP”, explica Reices, “a moción que nos presentaron era inasumíbel para o BNG, xa que na práctica nin censuraba este proxecto nin pedía á Xunta a súa retirada, era un corta e pega do posicionamento do PP a nivel da galego sobre ALTRI, é dicir, que os técnicos decidirán sobre o futuro deste proxecto”.

O concelleiro do BNG indicou que “desde o BNG xa manifestamos en reiteradas ocasións o noso posicionamento en contra da macrocelulosa de ALTRI, que afectará tamén ao noso concello e a á nosa arteria vital, o Ulla, un posicionamento coincidente coa da maioría social deste país que en varias ocasións manifestou masivamente o seu rexeitamento”.

“O grupo de goberno presenta unha moción que é un lavado de cara da acción da Xunta”, afirma Reices, “e evidentemente non contarán co noso apoio, e na mesma sesión plenaria defenderemos outra moción que rexeita ás claras este macroproxecto contaminante e depredador”. “O PP ten a oportunidade de poñerse de lado dos veciños e veciñas da Estrada que maioritariamente están en contra da macrocelulosa ou seguir do brazo de ALTRI e de Rueda, que abraza sen rubor este proxecto”, engade Reices.

Publicacións Relacionadas