Alumnado dos colexios e institutos de Redondela está a visitar este mes a nova exposición do pintor e restaurador local Ángel Barros. A mostra, titulada “A luz da arte en tempos de xenocidio”, ofrece unha mirada crítica do presente marcado pola guerra e as súas consecuencias. O propio Barros, a piques de cumprir 90 anos, exerce de guía para alumnos e alumnas. Esta mañá foi a quenda do IES Mendiño. Na visita, á que tamén asistiu a alcaldesa Digna Rivas, o artista redondelán explicoulle á rapazada a historia da súa obra. Faloulle das técnicas que emprega e da súa experiencia como restaurador no museo do Louvre, entre outros traballos. O veterano pintor deulles tamén “consellos de vida”. Lembroulles que o que hoxe está a pasar en Gaza xa pasou antes noutros lugares, “sufrímolo aquí co golpe militar de 1936 e en tantos outros lugares onde os poderosos queren oprimir aos máis débiles”. Barros fíxolle tamén unha petición á mocidade, que non se “achiquen” ante as inxustizas e que defendan sempre “a dignidade e a igualdade de todas as persoas”.
A mostra estará aberta no Multiúsos da Xunqueira ata final de mes. Rivas fixo un chamamento aos centros de ensino, colectivos e cidadanía en xeral para que non deixe pasar a oportunidade de visitar esta excelente exposición con grandes obras de Ángel Barros.



