HomeO MorrazoBueuEugenio Outeiro Lojo, Cláudia Morán e Manolo Broa gañan os premios Johan...

Eugenio Outeiro Lojo, Cláudia Morán e Manolo Broa gañan os premios Johan Carballeira do concello de Bueu

- Anuncio -spot_img
  • Na categoría de poesía destacou a obra Réquiem, e na de xornalismo, ‘Convivir co lume. O baleiro que arde: un territorio a mercé do lume’
  • Os premios, tanto na categoría de xornalismo como na de poesía, entregaranse nun acto público que se celebrará arredor das Letras Galegas

Eugenio Outeiro Lojo, Cláudia Morán e Manolo Broa son os gañadores dos Premios Johan Carballeira convocados polo Concello de Bueu. Os xurados, reunidos este sábado 4 de outubro pola mañá, acordaron conceder o premio na categoría de poesía a Eugenio Outeiro Lojo coa obra Réquiem; e a Cláudia Morán e Manolo Broa coa reportaxe ‘Convivir co lume. O baleiro que arde: un territorio a mercé do lume’, publicada orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do Nós Diario.

O xurado do premio na modalidade de poesía compuxérono Xosé Luis Mosquera, poeta e gañador da edición anterior, Silvia Penas, poeta, e Manuel Forcadela, crítico literario, escritor e profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. Da lectura dos 44 poemarios presentados, o galardón concedeuse á obra de Outeiro Lojo, da que se sobranceou que “está ben artellada e moi acaída para o significado do premio convocante, cunha estrutura e arquitectura poética traballada, delicado no tratamento, nada panfletario que engancha por unha musicalidade evidente, de vocación trobadoresca e que conecta coa oralidade”. Así mesmo, trátase dunha poética máis clásica e diferente da cultivada na actualidade e que formula un plantexamento de verdadeiro acto de memoria histórica.

Pola súa banda, o xurado na categoría de xornalismo estivo composto por Lois Pérez,  gañador da anterior edición, Diana López Varela, xornalista pontevedresa, e Manuel A. Mosteiro, presidente da Asociación de Amigos de Johan Carballeira. De entre os dezaseis traballos presentados ao certame, a gañadora foi a reportaxe de Cláudia Morán e  Manolo Broa, de cuxo traballo o xurado valorou “a análise das aldeas sen case veciñanza, cunha perspectiva orixinal sobre os tópicos do lume”. A reportaxe establece a correlación entre o despoboamento e os incendios, e o contraste entre o urbano e o rural, así como as distintas vagas de lumes. Atópase, ademais, a análise entre a responsabilidade cidadá e política e o impacto sobre o territorio, ofrecendo unha visión directa do conflito e establecendo unha progresión eficaz no contido da reportaxe. A perspectiva trasloce un proxecto máis global, no que se achegan datos e contexto a un problema non sinxelo como é o despoboamento do rural e os incendios. Chama á reflexión dun xornalismo que reivindica o valor fundamental como elemento democratizador e emancipador da cidadanía contribuíndo á súa autonomía e conformador do espírito crítico.

O xurado desta categoría ademais fixo unha mención especial do traballo presentado por Miriam Ferradáns Ferradás titulado “Altri e a erosión da identidade galega: cando o monocultivo enterra a memoria”, publicado no Nós Diario.

A entrega dos premios vai ter lugar nun acto público que se celebrará ao longo deste ano.

Biografías das persoas gañadoras

Eugenio Outeiro Lojo é licenciado en Filoloxía Portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela. Foi membro da directiva da AGAL e actualmente traballa como profesor de portugués na Escola Oficial de Idiomas de Lugo.  Publicou poemas en diversas revistas como Ólisbos, Agália ou Sítio. Entre as súas obras publicadas destacan Às vezes vida e Mordida.

Pola súa banda, Cláudia Morán e Manolo Broa son xornalistas e asinan conxuntamente a reportaxe premiada. Cláudia Morán é graduada en Xornalismo pola Universidade Ramon Llull e Máster en Xornalismo especializado en Política Internacional pola Universidade Pompeu Fabra. Traballou en La Voz de Galicia, Revista Luzes, Axencia EFE (Bruxelas), Radio Coruña-Cadena Ser e Cope Barcelona. Actualmente colabora en diversos medios de comunicación, e recibiu o galardón 20Blogs polo blog colectivo Goldman Sachs is not an Aftershave e o premio Comunicar en Igualdade da Xunta de Galicia pola reportaxe colectiva “As mulleres na opinión: un elefante rosa no medio das redaccións”.

Historia do premio

Os premios, dotados con 1.500 euros en cada categoría, naceron coma unha homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués, José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johan Carballeira, quen tamén fora alcalde de Bueu ata o seu asasinato a mans dos franquistas.

Este certame ten premiado a xornalistas e persoas recoñecidas deste mundo como Aser Álvarez, Francisco Seoane Pérez, Óscar Curros Moure, Moncho Paz, Cristian López Iglesias, Arturo Sánchez Cidrás, Antón Lopo, María Obelleiro, Montse Dopico, Héctor Pena…

E na categoría de poesía, forman parte do seu palmarés nomes como Xosé Carlos Caneiro, Emma Pedreira, Yolanda Castaño, Xurxo Alonso, Mario Regueira, Berta Dávila, María Carmen Caramés, Ismael Ramos, Lucía Novas, Pura Tejelo, María Reimóndez, Daniel Asorey, Marcos Abalde, Arancha Nogueira …

Publicacións Relacionadas