- A proba deportiva tivo lugar na pasada tarde no Peirao de Arcade e contou con máis de 400 participantes.
- Como novidade nesta edición houbo unha carreira para os mais maiores , de 12 a 16 anos, na que soamente puntuaban os equipos mixtos formados por grupos de 5 a 7 compoñentes.
- Este ano a Gladiators Kids contou cun motivo aínda mais especial e é que foi unha carreira solidaria en beneficio de Bicos de papel, a asociación que apoia a nenos e nenas oncolóxicos do CHUVI e a súas familias.
O concello de Soutomaior acolleu na pasada tarde a súa segunda Gladiator Kids Race, unha modalidade de carreira de obstáculos para que os máis pequenos e pequenas desfruten practicando deporte ao tempo que viven unha auténtica aventura.
Esta cita tivo lugar na pasada tarde a partir das 16:30 h. no Peirao de Arcade. Unha proba que contou con 400 participantes de 3 a 11 anos e con máis de 50, na nova modalidade deste ano, destinada ás mozas e mozos de 12 a 16 anos na que competiron por equipos mixtos formados por grupos de 5 a 7 compoñentes.
Tal e como se explica no regulamento da carreira, houbo dúas categorías: de 3 a 5 anos, cun percorrido de 500 metros; e de 6 a 11 anos, cun percorrido de 900 metros e de 12 a 16 anos cun percorrido de 200 metros cuxo percorrido chegou ata a praia da Muxeira. Só as crianzas superaron os obstáculos, mentres que a persoa adulta acompañante (para nenas e nenos de 3 a 11 anos) encargouse de dar apoio.
As pequenas e pequenos foron saíndo dende as 16:30h. por grupos de idade, tendo como referencia o ano de nacemento, desta maneira houbo 21 saídas, xa que nos anos nos que había moitos inscritos, dividíronse en quendas de 2 ou 3 saídas. As e os participantes amosaron ser uns auténticos gladiadores que levaron a súa medalla por participar todo e cada un deles.
Unha vez remataron a proba os máis novos chegou a quenda das mozas e mozos que foron saíndo por grupo cada 5 minutos, gañou o que menos tempo tardou en facer o percorrido e chegar todo o grupo á meta. É importante sinalar que soamente puntuaron os equipos mixtos. Unha carreira que gañou o Equipo Triatlón Mar de Vigo a quen Manu Lourenzo, alcalde de Soutomaior, lles fixo entrega dun trofeo e dunha medalla de gañadores. Os segundos foron o CD Arcade e os terceiros o Equipo A, ambos compostos por mozas e mozos do concello de Soutomaior
Manu Lourenzo dixo que “os pequenos e as pequenas que participaron na Soutomaior Gladiator Kids Race desfrutaron este ano dunha tarde incrible, nun espazo único como é o Peirao de Arcade e viviron unha experiencia inesquecible ao tempo que fixeron deporte. Fomentar o exercicio físico entre as crianzas con actividades saudables é un dos nosos obxectivos”.
Ademais, este ano a Gladiators Kids tivo un motivo aínda mais especial xa que foi unha carreira solidaria en beneficio de Bicos de papel, a asociación que apoia a nenos e nenas oncolóxicos do CHUVI e a súas familias.