HomePontevedraPoioÉxito de participación e asistencia na terceira Xornada en Común de Participación...

Éxito de participación e asistencia na terceira Xornada en Común de Participación Veciñal

- Anuncio -spot_img

• O encontro tivo lugar no Palacete de Besada e consolida o crecemento da Contorna Cidadá, que incorpora nesta edición dez novas asociacións

• A tenente de alcalde e responsable da área, Silvia Díaz (Avante Poio), sinala que na planificación de actuacións e iniciativas a desenvolver en 2023 teranse moi en conta as propostas recollidas a través da enquisa virtual realizada

A Contorna Cidadá, impulsada desde a Concellería de Participación Veciñal, Transparencia e Espazos Cidadáns, non deixa de medrar. Proba disto foi a gran resposta que obtivo este pasado xoves a terceira edición das Xornadas en Común, que congregaron a numerosas persoas representantes e integrantes de asociacións e entidades locais no recentemente remodelado Palacete de Besada, na parroquia de San Salvador.

A edil titular da área e tenente de alcalde, Silvia Díaz (Avante), fai un balanzo moi positivo da cita, que se prolongou durante toda a tarde e lembra que desde a anterior convocatoria destas xornadas, en febreiro deste ano, 10 novas asociacións veñen de incorporarse á Contorna Cidadá, coa correspondente creación dos seus novos espazos na web participaenpoio.gal, unha área virtual posta en marcha para dar visibilidade e difundir o labor e as actividades que desenvolve o tecido asociativo do municipio.

“Foron moitas as persoas integrantes de colectivos as que se aproximaron ata o Palacete de Besada para participar neste proxecto e tamén para coñecer as dependencias, logo da reforma que o Concello efectuou con fondos da Deputación de Pontevedra”, explica Silvia Díaz, que resumiu esta iniciativa como “unha gran tarde de traballo colectivo na que recollemos as achegas e propostas das entidades asistentes e tamén unha oportunidade para a convivencia e o intercambio de experiencias entre as asociacións”. Tamén se procedeu a actualizar os datos dos colectivos que xa forman parte de participaenpoio.gal e que nestes meses experimentaron cambios na súa directiva.

Agora, a Concellería de Participación Veciñal, Transparencia e Espazos Cidadáns analizará as propostas que os e as participantes realizaron a través da enquisa elaborada polo departamento municipal. Trátase dun cuestionario, con acceso a través dun código QR, que “será unha ferramenta moi efectiva para planificar as iniciativas e actuacións a desenvolver ao longo do vindeiro ano, tendo en conta as suxestións e necesidades dos colectivos”, explica a tenente de alcalde.

A cita estivo amenizada polo pinchadiscos Arrow Music e incluíu un petisco no que tamén estiveron presentes O Eirado das Margaridas e os responsables de Meiga, a cervexa artesanal elaborada en Poio. Silvia Díaz expresa o seu agradecemento ás asociacións e asistentes pola súa participación así como á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil pola súa colaboración no desenvolvemento do encontro.

Publicacións Relacionadas