Preto dun centenar de veciñas e veciños participaron na recollida de lixo nun tramo da ribeira do río Verdugo e Daión, e debido ao éxito da convocatoria, tamén se estendeu á Ponte Colgante e na contorna do Refuxio de Pescadores..
A XV Limpeza Simultánea “Móllate polos ríos” que o 24 de setembro se celebrou en 52 concellos de toda Galiza, e no que participaron máis de 60 entidades chegou tamén a Soutomaior. Unha cita que tivo como obxectivo deixar estas zonas libres de lixo, nunha xornada de voluntariado ambiental e concienciación social.
A concienciación medioambiental, foi un dos piares principais desta convocatoria, onde tamén se incidiu na importancia dos ecosistemas fluviais e da correcta xestión dos residuos.
Unha actividade, coordinada por Adega e organizada polo concello de Soutomaior, na que participaron preto dun centenar de veciñas e veciños e que consistiu na retirada de lixo, así como na eliminación da flora invasora, dun tramo da ribeira do río Verdugo e Daión, e debido ao éxito da convocatoria, tamén estivemos na Ponte Colgante e na contorna do Refuxio de Pescadores.
Voluntariado Ambiental
O Proxecto Ríos é un programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.