• Nas iniciativas desenvoltas en 2022 polo departamento que dirixe a socialista Rosa Fernández tomaron parte máis de 600 persoas de diferentes idades
O ano 2022 resultou moi especial para o departamento de Benestar Social e Mocidade. “Logo de dous anos de pandemia, puidemos ir retomando a nosa programación habitual”, sinala a edil responsable da área, a socialista Rosa Fernández. A gran resposta obtida no que a participación se refire demostra que “a veciñanza tiña moitas ganas de volver a retomar estas iniciativas”. E é que máis de 600 persoas de diferentes idades tomaron parte nos programas, actos, obradoiros, cursos e actividades que se levaron a cabo entre xaneiro e decembro do pasado exercicio.
No que respecta a Benestar Social, destaca sobre todo o programa Saudemente, con preto de 130 participantes. Cómpre lembrar que este taller está destinado a persoas maiores es e desenvolve na Seca, Vilariño, Combarro, Campelo e Samieira, ademais de na Casa Rosada. Tamén volveron con forza as clases de taichi, no propio Centro Social, con 65 integrantes. Rosa Fernández salienta, asemade, a boa acollida que recibiron outras iniciativas que foron unha novidade en 2022, como os talleres de introdución ás novas tecnoloxías, así como a afluencia de asistentes a festas que xa puideron volver a celebrarse con normalidade, como o magosto ou a sardiñada. O 2022 resultou especial tamén porque volveu a homenaxe ás parellas e matrimonios que celebraban as súas vodas de ouro. “Tivemos ocasión de recuperar esta cita, despois de dous anos de ausencia, no rehabilitado Pazo de Besada, futura sede de Servizos Sociais, o que sen dúbida fixo que a festa resultase aínda máis especial”, apunta Fernández González. O broche de ouro na área de Benestar Social foi o Festival de Nadal, que congregou a unhas 120 persoas na Casa Rosada.
Con respecto ás propostas deseñadas por Mocidade, o 2022 comezou cunha xornada de ‘gaming’, na que os videoxogos cobraron especial protagonismo. Participaron preto de 80 persoas “nun momento no que aínda existían restricións, polo que, en condicións normais, as inscricións probablemente terían sido máis”, apunta a concelleira socialista. Tamén hai que salientar os Talleres de Rúa do verán, con 100 nenos e nenas inscritas de diferentes idades, ou a Festa de Benvida do Curso, con 130 asistentes. A Concellería de Mocidade programa, asemade, Os Oficios, unha actividade que se desenvolve no IES para estudantes de 2º e 3º de ESO, que inclúe sesións prácticas para dar a coñecer oficios tradicionais.
No 2022, coa apertura da Illa de Tambo, tamén foi posible levara cabo varias excursións co alumnado, nas que se mobilizaron a unha media de 120 asistentes. Por último, Rosa Fernández engade ás 150 persoas que tomaron parte nas andainas que se desenvolveron tanto en primavera como en outono, para coñecer emprazamentos doutros concellos da provincia e para poñer en valor espazos do propio municipio poiense.
“Estamos moi satisfeitas de que as programacións de Benestar Social e Mocidade sexan un referente e imos seguir traballando para continuar consolidando novas propostas e actividades para veciños e veciñas de todas as idades”, conclúe Fernández.



