• A ORGANIZACIÓN VALORA MOI POSITIVAMENTE ESTA TERCEIRA EDICIÓN TANTO POLOS RESULTADOS TRASLADADOS POLOS EXPOSITORES COMO POLA AFLUENCIA, QUE SUPEROU AMPLAMENTE AS PREVISIÓNS E SUPUXO UN 79% MÁIS DE ASISTENTES QUE NA SÚA ANTERIOR EDICIÓN
• ESTE CERTAME DE SUBMINISTRACIÓNS E FERRAXERÍA INDUSTRIAL, PROTECCIÓN LABORAL E MAQUINARIA CELEBROUSE DENDE O PASADO XOVES ATA HOXE NA FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA
A Feira Profesional de Subministracións e Ferraxería Industrial, Protección Laboral e Maquinaria, EXPOFERR 2023, acaba de pechar as súas portas no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA.
E fíxoo tras tres días de intensa actividade comercial e unha gran afluencia de visitantes que supoñen que a organización faga un balance moi positivo desta terceira edición. Por unha banda, debido ás impresións trasladadas polos expositores, os cales se mostran satisfeitos tanto coas cifras e calidade do visitante como co número de contactos realizados e o negocio xerado, supoñendo en moitos casos acordos de subministración de interese para as empresas e noutros a venda de produtos expostos na feira que xa non regresarán ás fábricas. Bos resultados aos que se suma a grata sorpresa dos expositores que participaban por primeira vez respecto ao propio certame e ás instalacións do recinto feiral, e que tamén supoñen que moitas das entidades presentes preguntaran xa pola próxima edición.
Doutra banda, a boa valoración dos organizadores débese tamén á resposta do público. Así, a súa afluencia superou amplamente as previsións e alcanzou os 3.850 visitantes, un 79% máis que na súa anterior cita, e que procedían de distintos puntos de Galicia, Comunidades limítrofes e tamén o norte de Portugal. Uns asistentes que contaron co perfil profesional e de compra que demandan os expositores, e que tamén manifestaron cumprir as súas expectativas debido ao interese do certame e, en moitos casos, á posibilidade que tiveron de probar os produtos e de falar cos técnicos das marcas para buscar solucións a distintos aspectos do seu traballo diario.
A feira, que contou cun día máis de duración debido á demanda dos profesionais de dispoñer de máis tempo, foi a maior ata o momento. Reuniu a 110 fabricantes nacionais e internacionais que representaron a 320 firmas de 11 países, ocupando unha superficie de 6.000 metros cadrados. Cifras que supuxeron un 66% máis de expositores, un 45% máis de firmas e o dobre de superficie.
Os expositores presentes foron empresas con gran relevancia no sector centradas en ferramenta de man e de corte, abrasivos, tornillería, soldadura, mantemento, químicos, ferramenta eléctrica e pneumática, elevación e mantemento, andel e almacenaxe, protección laboral e vestiario de traballo.
As demostracións, parte do seu éxito
Expoferr apostou nesta terceira edición polas demostracións, as cales dotaron á feira de gran dinamismo e formaron parte do seu éxito entre o público. Así, os asistentes destacáronas como unha magnífica oportunidade para ver en funcionamento e testar produtos do seu interese.
Non en balde, a gran maioría de fabricantes realizaron probas nos seus stands, programándose preto dun centenar de demostracións distintas que se repetiron en diferentes momentos durante as tres xornadas do certame.



