Fabiola García sinalou que o Executivo Galego financia 102 prazas públicas para a atención a maiores deste municipio en diferentes recursos
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reuniuse coa alcaldesa de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, para avaliar a colaboración entre a Xunta e a Administración local nos servizos de atención ás persoas maiores deste concello e seguir colaborando neste eido.
Neste sentido, a conselleira de Política Social e Igualdade lembrou que a Xunta de Galicia financia en Cerdedo-Cotobade 102 prazas públicas de atención a maiores en diferentes recursos. Ao respecto, tamén engadiu que o pasado ano se destinaron 260.000 euros para financiar os bonos coidado no fogar deste municipio e que supoñen unha achega directa de 5.000 euros a aquelas persoas que prefiren ser coidadas nos seus fogares por unha persoa da súa contorna.
Así mesmo, lembrou que o pasado ano asinouse un convenio entre a Consellería de Política Social e Igualdade e o Concello de 134.000 euros para diferentes actuacións derivadas da construción da residencia de maiores municipal.
Fabiola García tamén sinalou a importancia de seguir impulsando novos programas de envellecemento activo e saudable para as persoas maiores, especialmente nos concellos máis rurais de Galicia. Así mesmo, indicou que a Xunta de Galicia segue traballando para garantir a mellor atención dos maiores e impulsar a súa autonomía.