Hai menos de 16 anos o goberno municipal acometeu a mellora da Rúa Don Nicolás. Obxectivamente a rúa está en perfectas condicións. Malia todo o PP volve levantar o cemento da rúa mentres abandona o resto
Desde o BNG xa criticamos en máis dunha ocasión a teima do PP, -dá igual que o dirixa- de gastar os cartos dos veciños e veciñas en obras que innecesarias e en espazos que obxectivamente están ben conservadas en non presentan maiores problemas, nin desde un punto de vista da seguranza da veciñanza nin estética.
Pois ben, agora tócalle á Rúa Don Nicolás, cuxas obras empezaron onte día 14 de outubro, levantando a plataforma de cemento, colocada hai apenas 16 anos. Concretamente esta plataforma colocouse en 2009 para substituír ao adoquinado anterior, instalado a finais dos anos 90 do século XX, logo de innumerábeis problemas de estabilidade, desprendementos e seguranza para os veciños e veciñas.
No BNG pensamos que, máis alá da zona cero da vila, hai espazos da vila e do rural que si necesitan un amaño, que si necesitan un repaso. Volver unha e outra sobre o xa feito, destruír para volver construír, non só amosa un goberno sen ideas e proxecto, que disimula as súas carencias baixo unha aparencia de eficiencia e xestión que non é tal.
Na vila hai rúas completamente abandonadas que nos últimos 20 anos non viron unha mellora como a que ten a Rúa Don Nicolás. E se falamos de abandono, obrigatoriamente temos que falar do rural, cuxo saneamento da maior parte da parroquias segue sendo unha asignatura pendente.
A Rúa Don Nicolás obxectivamente non presenta problemas de ningún tipo, como tampouco o presenta a reforma da Praza da Farola, cuxa reforma xa criticamos no seu momento. Isto non é xestionar ben os cartos de todas e todos, isto é un despilfarro.



