O produto presentarase o día 10 de setembro nas Festas do Alivio de Tomiño
A Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (Femupo) lanza o produto Drink Safe, un cubrevasos co que se busca evitar casos de submisión química nos contextos de ocio nocturno.
A iniciativa nace a partir do convenio de colaboración entre Femupo e a Secretaría Xeral de Igualdade, grazas aos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Presentarase o vindeiro sábado 10 de setembro nas Festas do Alivio de Tomiño, onde Femupo terá un punto de información sobre recursos na loita contra a violencia de xénero e agasallará cun Drink Safe a quen se achegue a cubrir unha enquisa. Esta presentación é posible grazas ao compromiso da comisión de festas de Tomiño coa igualdade, a seguridade e contra a violencia de xénero.
“O Drink Safe nace das inquietudes da nosa Federación por protexer a mulleres nos momentos de vulnerabilidade que se poidan dar no ocio nocturno” declara Raquel Touriño, presidenta de Femupo. “Evidentemente traballamos para que non acontezan casos de submisión química pero ideamos este cubrevasos conscientes de que conseguir violencia cero deste tipo é complicado,” puntualiza.
O Drink Safe consiste nun coletero que esconde no interior unha tapa de tea a xogo. Adáptase a calquera tipo de vaso, con palla incluída, para poder beber con seguridade. Ademais, ao ser unha tea impermeable, evita que a bebida se molle, e tamén serve como elemento diferenciador para distinguir o vaso.
Son feitos artesanalmente na Provincia de Pontevedra e personalizables mediante serigrafía, co logotipo dunha empresa, por exemplo. Tamén hai una versión diferente pensada para quen non queira lucir un coletero e queira simplemente levalo no peto ou no bolso.
Como parte da estratexia de lanzamento, as participantes no Campo de Voluntariado de Cerdedo-Cotobade realizaron un vídeo promocional do Drink Safe. Dende Femupo agradecen “o traballo fantástico que fixeron con moi poucos recursos”.
O Drink Safe está en período de lanzamento pero a previsión de Femupo é chegar a 5.000 unidades no que queda de ano. Pódese conseguir unicamente contactando con Femupo, xa que é un produto propio.