• ADEMAIS DE CONFERENCIAS E MESAS REDONDAS SOBRE ESTES TEMAS, LEVARANSE A CABO DEMOSTRACIÓNS RELACIONADAS
• A FEIRA, QUE TAMÉN ABORDARÁ OUTROS ASPECTOS CENTRADOS EN EMERXENCIAS, SEGURIDADE E DEFENSA, CELEBRARASE DO 26 AO 28 DE MARZO NA FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA
A III Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias, SEDEXPO 2025, que se celebrará do 26 ao 28 de marzo na Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda, Pontevedra), abordarán as emerxencias desde distintas vertentes tanto na súa área expositiva como no seu programa de actividades.
Entre estes ámbitos destacarán algúns aspectos, como os fenómenos meteorolóxicos adversos e as inundacións. Así, dende a Xunta de Galicia organizaranse varias xornadas relacionadas, como a titulada “Protección civil e emerxencias. Riscos de inundacións. procedementos de Inungal e fenómenos meteorolóxicos adversos”, abordando temas como o “Plan Especial ante o Risco de inundacións en Galicia (Inungal) e fenómenos meteorolóxicos adversos, evolución e cambios máis significativos”, por parte de Ignacio Orriols, xefe de sección de Avaliación de Regas da Xunta de Galicia; os sistemas de avisos de Meteogalicia, e tamén a xestión dos riscos de inundación, dende o punto de vista da planificación, xestión e información por parte de Ignacio Maestro , subdirector xeral de Planificación dos Recursos Hídricos de Augas de Galicia e tamén en canto a sistemas de medida e alerta hidrolóxica, de man de Laura Fernández, enxeñeira de camiños, canles e portos.
Sumarase outras conferencias sobre “Plans de emerxencias dos encoros”, que será exposto por Rubén Curros, xefe do Servizo de Execución, Explotación e Control das Actuacións de Dominio Público Hidráulico de Augas de Galicia, e sobre “Comunicacións en situacións de emerxencia. Tecnoloxías E-Alert”, sendo Diego Núñez, xefe de área do CIAE112 Galicia, quen abordará este tema.
Ademais, explicarase “Que é e que fai unha Agrupación de Voluntarios de Protección Civil”, con participación de Oliva García e José Franco, presidentes das Asociacións Provinciais de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (APAV) de A Coruña e Lugo, e tamén Mónica Oliveira, secretaria da APAV de Pontevedra.
A Dana de Valencia
A catástrofe ambiental da Dana que afectou a Valencia a finais do pasado ano protagonizará diversos encontros nos que ademais de abordar este tema poñeranse en valor os medios humanos e materiais utilizados. Así, organizados pola Xunta de Galicia, levarase a cabo a xornada “Cruz Vermella, as súas experiencias na Dana e presentación do plan de atención á cidadanía e os lugares definidos” e a presentación do dispositivo enviado por Galicia á Dana de Valencia. Nesta última participarán o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araujo; o xefe do servizo de Emerxencias en A Coruña, Víctor Manuel Vázquez; o técnico de Operacións e Loxística GALI, José Antonio Argibay; o xefe do Servizo Municipal de Protección Civil de Cangas do Morrazo, Cesáreo Coya; o presidente da Agrupación de Voluntario de Protección Civil de Valga, José Manuel Otero; o xefe do servizo de prevención de Incendios Forestais de Pontevedra, Manuel Francisco Gutiérrez; e o inspector da Unidade de Policía Adscrita de Galicia (UPA Galicia) e xefe do Equipo de Resposta Policial (ERPOL), César Ramos. Ademais, levarase a cabo unha xornada centrada en “Relatorios do dispositivo enviado por Galicia na Dana de Valencia. Experiencias dos voluntarios/as na Dana de Valencia e nas inundacións en Galicia”.
Ademais, de man da Xunta de Galicia e a Asociación Profesional de Técnicos de Bombeiros de Galicia (APTB) realizarase unha xornada centrada en “Experiencias dos parques de bombeiros na Dana de Valencia”, na que se fará fincapé na influencia das redes sociais, por parte de Adrián Pastor, comunicador en redes sociais e bombeiro do SEPEI Cáceres; “Organización e burocracia dende unha administración local para enviar axuda a Valencia”, de man de José Ramón Sánchez, xefe do Servizo de Emerxencias da Deputación de Ourense; “Apoio unificado dende Galicia na Dana de Valencia (Xunta de Galicia)”, coa intervención de Marcos Araujo, xerente de AXEGA 112 e “A intervención operativa. O traballo no terreo”, por parte de Rubén Sio e Alberto Castro, xefes de Dotación do Consorcio de Pontevedra.
Contaminación mariña e salvamento marítimo
As emerxencias no mar terán tamén o seu espazo en Sedexpo 2025, con xornadas como “Resposta ante a contaminación mariña accidental en Galicia: o plan Camgal e o servizo público de Gardacostas de Galicia da Consellería do Mar”, organizada por Gardacostas de Galicia, na que intervirán Miren Garbiñe Ayensa, xefa da Unidade de Documentación e Apoio Científico de Intecmar e Amador Castro Pereira, Xefe de Servizo Procura, Salvamento Marítimo e Loita Contra a Contaminación de Gardacostas de Galicia. Sumarase a relatorio “Salvamento marítimo Centro Jovellanos – formamos persoas extraordinarias”, organizada por Salvamento Marítimo.
Relacionados cos diversos ámbitos analizados nas xornadas realizaranse simulacros, como o rescate de Gardacostas de Galicia e a Unidade de Policía Adscrita de Galicia – UPA Galicia e o simulacro multidisciplinar xestionado en Posto de Mando Avanzado (Axega) mediante método GOM (Xestión Operativo de Mando) con presentación do sistema de dron cativo e comunicación multiplataforma dende Posto de Mando Avanzado, organizado pola Xunta de Galicia.