Celebrarase o vindeiro domingo desde as 17.00 horas no Multiusos das Pozas e incluirá ata 10 concertos
Esta tarde presentouse no Multiusos das Pozas o Festival Solidario a favor de Cáritas que se celebrará no mesmo lugar o vindeiro domingo, día 1 de decembro, a partir das 17.00 horas da tarde.
Na presentación estiveron presentes representantes de Cáritas Mos, O Porriño e Salceda, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Política Social mosense, Sara Cebreiro, e representantes dos grupos que actuarán o domingo no Festival.
O prezo da entrada é de 5€ para os adultos, mentres que os menores de 14 anos poderán acceder gratis. Tamén hai un Bizúm activo para fila 0 e donativos: 08323 (Concepto: FESTIVAL).
Durante o Festival Solidario haberá ata un total de 10 concertos de artistas da talla de Uxía, o Grupo Os Silandeiros, as Titiriteiras de Tarambainas, o Grupo Flok Arume, Iker Faure, Meigas Crew (Escola MaiSon), Raúl Ben, Carla Lourdes, Cora Blackat e DJ Lady Lysé.