SERÁN DOUS AGILITISTAS INTERNACIONAIS OS QUE CONDUZAN ESTA ACTIVIDADE FORMATIVA ORGANIZADA POLA ASOCIACIÓN GALICIAN AGILITY FESTIVAL, A POLACA JOANNA MICHALSKA E O ESPAÑOL ÓSCAR MORALES
O recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA convértese esta fin de semana en centro formativo para unha vintena de afeccionados ao agility procedentes de distintos puntos de Galicia.
Será a través dun seminario con prazas limitadas organizado pola asociación Galician Agility Festival, o cal contará como formadores con dous reputados agilitistas internacionais. Trátase da polaca Joanna Michalska e o español Óscar Morales, ambos participantes en numerosas ocasións en finais internacionais e con gran recoñecemento neste deporte canino.
Durante estes dous días os agilitistas ensinarán aos participantes, entre outros aspectos, a crear un bo vínculo co can, a construír unhas boas bases do xogo e condución en pista.
Este seminario é o cuarto organizado pola asociación, a cal xa contou con outros recoñecidos profesionais para as súas actividades formativas, como Verónica Odone, campioa do mundo 2023 que xa estivo en tres ocasiones, o campión de España Axular Casado ou o subcampión do mundo por equipos Álex Sequeiros. O próximo mes de maio será o actual campión do mundo, Adrián Bajo, quen oriente a todos os participantes.
Uns relatores que reflicten o gran nivel dos seminarios organizados por Galician Agility Festival, unha asociación de recente creación que nace ante a gran afección polo agility na Comunidade e o interese pola formación neste deporte canino, e cuxo obxectivo é dotar a Galicia de eventos formativos e competitivos con atractivo tanto a nivel nacional como internacional, para o que escolleron a Feira Internacional de Galicia ABANCA como base das súas actividades. Unha elección na que foron determinantes tanto as súas instalacións como a súa localización xeográfica no centro da Comunidade, resultando segundo este colectivo “unha contorna incrible para a práctica do agility”
Importantes eventos en 2025
Tanto os seminarios previos como o que se levará a cabo mañá e o domingo no recinto, son soamente o comezo dunha intensa actividade da Galician Agility Festival, pois xa planea outros talleres para o vindeiro ano, ademais dun gran evento internacional que nestes momentos están a perfilar.