- O Concello de Ponteareas ofrece un plan completo no que divertirse, quedar, pasear e mercar
O Concello de Ponteareas propón un plan completo para esta fin de semana coa feira de oportunidades “Ouletea” que ofrecerá entretemento e produtos de calidade aos mellores prezos. O “Ouletea” chega para esquecerse do reloxo e xerar oportunidades de compras a prezos únicos, cun horario extraordinario e actividades para todos os públicos. Amosar a ampla variedade de produtos do comercio de Ponteareas aos prezos máis competitvos é un dos obxectivos desta iniciativa da concellería de Comercio do Concello de Ponteareas.
Explica o concelleiro responsable, Ricardo González, que o “Ouletea” ofrece prezos excepcionais e a posibilidade de mercar fóra dos horarios comerciais habituais. Tamén supón un espazo de encontro, no que entreterse este venres día 8 de agosto e sábado día 9.
Plan completo para a fin de semana
Nas rúas Esperanza e Constitución poderemos mercar nos 16 postos do comercio local e na Praza Bugallal e Praza Maior ofreceranse actividades de animación para ambientar estas xornadas de compras e tempo compartido.
Nun ambiente festivo poderemos facer compras o venres día 8 en horario de 20:00 a 24:00 horas no mercado nocturno. O público adulto terá premio participando na ruleta de premios mentres que o público infantil xogará nos obradoiros infantís deseñados polo programa de emprego Compromiso Xuvenil. E mentres as nenas e os nenos xogan os adultos poden participar nas catas gratuítas que terán lugar en dúas quendas, a primeira de 20:00 a 21:15 horas e a segunda de 21:30 a 22:15 horas. O sábado día 9 a feira de oportunidade “Ouletea” ofrecerá máis actividades infantís, clases de iniciación ao hóckey de 18:15 a 19:30 horas, concursos para cativos ás 19:30 horas e concurso de tiro ao círculo ás 20:00 horas. A sesión DJ animará as prazas e convidará á diversión.
A alcaldesa, Nava Castro, e o concelleiro de Comercio convidan a participar nas catas, nos xogos e a non deixar escapar as oportunidades que o comercio local ofrece de xeito único nesta feira.
O “Ouletea” xera un espazo e un motivo de encontro entre veciñanza e visitantes, enche as rúas de vida e xera oportunidades que benefician a toda a cidadanía.
“Quedar cos amigos, dar un paseo, achegarse cos pequenos, entreterse percorrendo os postos ou divertirse coa música e as actividades así como aproveitar para facer compras a moi bos prezos sen estar pendente do reloxo son as posibilidades que ofrece o Ouletea, un evento no teu pobo sen desprazamentos nin gastos do que podes desfrutar esta fin de semana”, sinala a alcaldesa.