O Concello trae na súa programación cultural a obra ‘Reconversión’ de Ibuprofeno Teatro o sábado 18 para público adulto e ‘Bunji, la pequeña koala’ o domingo 19 para toda a familia
Tomiño prepárase para vivir unha fin de semana chea de emocións teatrais. Dentro da programación cultural posta en marcha polo Concello para este outono, a arte escénica converterase na gran protagonista do municipio cunha dobre cita que promete provocar reflexión, risas e tenrura a partes iguais.
O sábado 18 de outubro será a quenda do espectáculo Reconversión, da recoñecida compañía Ibuprofeno Teatro. A proposta, dirixida a público adulto, é un exercicio de memoria histórica arredor da reconversión do sector naval na ría de Vigo, un tema que marcou a toda unha xeración. A obra afonda nas vivencias das persoas que sufriron o paro tras o peche da factoría en 1984 e que protagonizaron as mobilizacións históricas dos anos 70 e 80. Será ás 21.00 h no auditorio municipal de Goián con entradas a 7 euros.
Xa o domingo 19, o auditorio volverá encherse, esta vez coa maxia do teatro familiar. Ás 17.30 horas, a compañía Arlequina Festuc Teatre presentará Bunji, la pequeña koala, unha tenra historia sobre unha koala curiosa e inquieta que, tras un feito inesperado, debe afastarse da súa contorna e descubrir o valor da aventura e da amizade. A obra está pensada para público familiar e as entradas custan 5 euros.
As entradas para ambos espectáculos xa se poden mercar a través da aplicación móbil Sporttia. Ademais, para quen o prefira, haberá despacho de billetes presencial desde unha hora antes do inicio de cada función.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salientou que “o teatro é unha ferramenta fundamental para seguir facendo comunidade, para pensar xuntas e tamén para gozar en familia”. Engadiu que “a programación que deseñamos cada tempada é unha aposta firme do Concello por achegar a cultura de calidade a todos os públicos e por seguir convertendo Tomiño nun referente cultural do Baixo Miño”.