Esta fin de semana Soutomaior celebrou a 1ª Festa das identidades diversas e disidentes, A Orghullosa. Unha cita que contou con moitas actividades, todas elas de balde, entre as que destacaron unha andaina reivindicativa, obradoiros de costura e de legos, faladoiros e o concerto, na pasada noite, de Mondra e Flow do Toxo.
Soutomaior celebrou por todo o alto na fin de semana a súa 1ª Festa das identidades diversas e disidentes, A Orghullosa. Para dar comezo a esta celebración dende o concello lanzaron a iniciativa “Fiestras Orghullosas”, de tal maneira que centos de veciñas e veciños e decenas de comerciantes decoraron as súas fiestras e balcóns como visibilización do orgullo LGTBIQ+.
Unha festa que se celebrou baixo o paraugas do programa Soutomaior Inclusivo, de tal xeito houbo cascos anti-ruído e plataforma para que as persoas con mobilidade reducida puidesen desfrutar dos concertos.
A Orghullosa deu comezo o venres co obradoiro de Contos e Legos impartido pola sexóloga Hadriana Ordóñez e cun faladoiro sobre “a realidade LGBTBIQ+ actual” no que participaron María Lemos, Anxo Barcia e Marcelo Dobode, veciñas e veciños do concello de Soutomaior.
O día foi o sábado 29 no que a actividade comezou ben cedo cunha andaina reivindicativa polos dereitos LGTBIQ+. Unha andaina que contou cun percorrido de 9 kilómetros e no que se completou a súa inscrición coa participación de preto de 50 persoas. Trala andaina a festa trasladouse ao Peirao onde tivo lugar unha sesión vermú a cargo do Dúo Aldaolado seguido do Mari Picinc onde a música tradicional estivo moi presente.
Xa pola tarde tivo lugar na Carballeira do Peira, unha nova edición do laboratorio de Contos e Legos impartido por Hadriana Ordóñez e o Laboratorio creativo de bordado impartido por Maritza Berttolini onde as e os asistentes, tamén completo cun aforo de 12 persoas, puideiron deseñar e crear a súa propia bandeira da Orgullosa. E ás 19:30h. as crianzas puideron desfrutar dun obradoiro de construción comunitaria dunha bandeira xigante de globos LGTBIQ+.
Xa pola noite chegaron os pratos fortes desta Orghullosa co espectacular e comprometido directo de Flow do Toxo e o espectacular directo e posta en escena de Mondra ás 23:00 h.
Durante todo este tempo, de 21:00 a 003:0 h. tamén estivo aberto a Punta Orghullosa, no Punto Lila. Un punto de información sobre asociacións LGTBQ+ en Galicia e tamén con información do Punto Lila para prevención das violencias machistas.

