O alcalde en funcións, Juan Carlos González Carrera, e o concelleiro de Ensino, Ricardo González, inauguraron hoxe a feira de ensinanzas Formatea xunto ao delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, á directora xeral de Formación Profesional da Consellería de Educación, Mª Eugenia Pérez, e ao xefe territorial de Educación, ademais de inspectoras, directores de centros educativos e outros asistentes.
A feira abriu as súas portas esta mañá no pavillón Álvaro Pino e contou xa na primeira xornada con arredor de 300 alumnos e alumnas visitantes e 40 stands informativos. Mañá serán arredor de 200 alumnas/os os que busquen nos postos informativos unha opción formativa para configurar o seu futuro.
Juan Carlos Glez Carrera coincidiu coa directora xeral en salientar a importancia desta xornada que achega ás familias a ampla oferta formativa que existen en Galicia, Online, a distancia e presencial, hoxe non hai excusa para non formarse e así o quixo amosar Formatea na súa primeira xornada.
Un grupo de guías voluntarios dos centros CIFP A Granxa e IES Val do Tea, xunto co alumnado dos ciclos de Xestión e do de Marketing que realiza prácticas no Concello, colaborou na organización do evento acompañando aos visitantes polos diferentes postos. Durante o percorrido, o alumnado puido coñecer de primeira man o traballo que se realiza nos centros participantes, así como información sobre formas de acceso, materias que se imparten e saídas profesionais.
Unha vez finalizado o percorrido polos stands, os estudantes puideron desfrutar dunha zona de lecer, onde participaron en actividades como taekwondo, baile moderno, tiro a canastra e música, grazas á colaboración das empresas locais Tempos, CDM, Estudio 57 e Leam Sport.
O concelleiro de Ensino anima á cidadanía a participar tamén na xornada de mañá, xoves día 12, na que Formatea abrirá de 09:30 a 14:30 horas no pavillón Álvaro Pino. As xornadas están enfocadas principalmente ao alumnado, pero tamén a persoas adultas que desexen cambiar o rumbo da súa profesión, iniciar unha nova etapa laboral ou simplemente mellorar a súa formación.
Durante a xornada de hoxe, a Universidade, diferentes ciclos de Formación Profesional e outros centros de ensinanzas ofreceron información e compartiron experiencias profesionais cun alumnado moi interesado.
O concelleiro Ricardo González agradeceu a implicación de todas as persoas participantes: “Agradezo a todas as persoas que fixeron posible Formatea e tamén aos centros participantes, tanto polo alumnado implicado como polos postos informativos que achegaron”.



