HomePontevedraO SalnésFran Leiro denuncia que a aprobación do Plan de Prevención de Seguridade...

Fran Leiro denuncia que a aprobación do Plan de Prevención de Seguridade das praias “Chega dous anos tarde”

- Anuncio -spot_img

O voceiro do BNG de Sanxenxo reprocha a Telmo Martín que o documento, do cal carecía o Concello, ve a luz “en pleno verán de 2023”, cando a Xunta de Galicia xa anunciara a necesidade de acometer esta xestión en outubro de 2021

“Ao señor Martín gústalle presumir de bandeiras azuis, pero esta é unha mostra máis da incapacidade do Goberno municipal para estar á altura do que require un concello turístico como Sanxenxo”, apunta Leiro

O voceiro do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo, Fran Leiro, criticou a tardanza por parte do Goberno local á hora de facer realidade a aprobación dun Plan de Prevención e de Seguridade das Praias, do que ata o de agora carecía o Concello. Trátase dun documento de vital importancia, xa que garante a análise e o estudo das características, peculiaridades, riscos e métodos de actuación a aplicar nas zonas de baño de 18 areais do municipio. O
plan tamén determina a coordinación de operativos de rescate en situacións de emerxencia. Foi no último Pleno ordinario, celebrado o pasado 31 de xullo, cando o alcalde, Telmo Martín, presentou esta proposta. “Non entendemos como é posible que Sanxenxo carezca dun documento tan importante e crítico para garantir a seguridade dos e das bañistas das praias, nin que se leve a Pleno con case dous anos de retraso e practicamente en pleno mes de agosto”, denuncia Leiro.

O líder dos nacionalistas de Sanxenxo lembra que foi o 29 de outubro de 2021 cando o Diario Oficial de Galicia emitiu a resolución da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través da cal a Xunta de Galicia anunciaba que xa se podía proceder á aprobación deste tipo de plans. “Estamos a falar dun documento moi necesario, dunha importancia crítica, xa que nel se recollen as características das praias, as condicións de baño, os análises de posibles riscos e procedementos de actuación en caso de operativos de rescate”, advirte Fran Leiro. O voceiro do BNG incide, asemade, no feito de que no propio anuncio do DOG xa se recalca a importancia de que o devandito plan sexa revisado antes do inicio de cada tempada estival. “En cambio, en Sanxenxo temos que agardar a agosto de 2023 para aprobalo, sen que o Goberno local explique as razóns desta tardanza. Nin sequera foron quen de levalo a Pleno durante a primavera”, lamentou Leiro.

O BNG votou a favor da aprobación do plan, dada a súa importancia, pero rexeita a maneira de proceder do alcalde. “Ao señor Telmo Martín gústalle moito presumir de bandeiras azuis, pero a súa xestión non está á altura dun concello turístico da importancia de Sanxenxo. Novamente o alcalde demostra que o único que se lle dá ben é o cemento; a súa xestión dos servizos é deficitaria e iso o que fai é empeorar a calidade de vida da veciñanza”, concluíu Leiro.

Publicacións Relacionadas