“Es ti que cantas” é unha mostra na que a artista convida ás persoas espectadoras a reflexionar sobre a violencia que se exerce sobre as mulleres. Inaugurarase o sábado ás 12.00 horas coa presenza do tamén pintor Antón Sobral
O Museo Manuel Torres arranca a tempada de outono coa inauguración da exposición “Es ti que cantas”, da artista e xornalista cultural, Galia Blanco. A mostra inaugurarase este sábado, día 20, ás 12.00 horas, un acto no que a pintora estará acompañada polo compañeiro de oficio Antón Sobral.
Nesta exposición, Galia Blanco exhibirá por primeira vez unha pequena instalación con técnicas de artesanía desenvoltas principalmente por mulleres. Entre os elementos que compoñen esta instalación existe un velo “tosco, pesado e brutalmente tecido” pola propia artista e un espello de sobremesa. Galia convida así ás persoas espectadoras da súa obra a probarse ese velo, mirarse ao espello e reflexionar sobre a violencia que se exerce sobre un alto porcentaxe das mulleres do mundo.
A mostra poderá verse no Museo ata o 5 de outubro no horario habitual do Museo: de martes a venres, de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 21.00 horas e sábados e domingos, de 11.00 a 14.00 horas.
A cor como refuxio, a arte como resistencia
Artista e xornalista galega, Galia Blanco fusuina a cor vibrante do acrílico coa forza expresiva do lino gravado e a artesanía, dando lugar a pezas únicas, que reivindican o cotiá, as raíces, o compromiso polo medio natural e os dereitos humanos como materia artística.
Galia crea para entender o mundo, cuestionalo e, sobre todo, transformalo. O seu traballo como xornalista lévaa a dialogar coa realidade, pero a arte permítelle traducir as emocións en liñas, texturas, cores; en refuxio, resistencia e verdade.
Na súa traxectora, destacan os seus “Popsportraits” ou retratos pop, cos que iniciou a súa carreira e que segue a realizar por encarga, ou series como “Agripop”, na que representaba con cores vibrantes temáticas do rural galego desde unha perspectiva contemporánea.
Recentemente, realizou as súas series “Eternas” e “Harmonía”, coas que pretende deter o tempo e ordenar o caos, facendo fincapé na forza e a intelixencia da conxunción da humanidade e natureza a través das miradas dos seus retratos e paisaxes abstractas.