Galicia Suroeste e o Concello de Mos poñen en marcha unha intervención de iluminación artística e eficiente de elementos singulares do patrimonio local vencellados ao Camiño de Santiago
A intervención executarase no emprazamento do cruceiro e da capela das Angustias, na parroquia de Sanguiñeda, así coma na escultura conmemorativa do Camiño de Santiago e o miliario de Santiaguiño de Antas, no límite dos termos parroquiais de San Salvador de Louredo e Santa María de Guizán, incluíndo o tramo do Camiño que transcorre entre estes dous últimos elementos
Galicia Suroeste e o Concello de Mos poñen en marcha unha intervención de iluminación artística e eficiente de elementos singulares do patrimonio local vencellados ao Camiño de Santiago ao seu paso polo municipio.
Leopoldo Costas e Julia Loureiro, concelleiros do Concello de Mos, Sandra González, Presidenta da AD Galicia Suroeste Eurural e Luciano Otero, Representante Institucional do Xeodestino Galicia Suroeste, xunto co representante da empresa contratista e o director da obra, realizaron unha visita ás localizacións dos elementos patrimoniais, coincidindo co acto de reformulo e inicio da obra de iluminación.
Con esta intervención preténdese poñer en valor os elementos singulares do patrimonio material local mediante a mellora dos sistemas de iluminación existentes, substituíndo luminarias por outras más eficientes, contribuíndo á mitigación do cambio climático e á redución do consumo enerxético en iluminación e da pegada de carbono do territorio.
En concreto, iluminaranse de xeito artístico e eficiente o cruceiro e da capela das Angustias, na parroquia de Sanguiñeda, así coma a escultura conmemorativa do Camiño de Santiago e o miliario de Santiaguiño de Antas, no límite dos termos parroquiais de San Salvador de Louredo e Santa María de Guizán, incluíndo o tramo do Camiño de Santiago que transcorre entre estes dous últimos elementos.
As novas luminarias integraranse coa contorna e serán altamente eficientes desde un punto de vista enerxético, de tal forma que dispoñerán de mecanismos de regulación e aforro, e facilitarán a xestión, monitorización e control de consumos, así como a programación e personalización da iluminación. Ademais, para cada proxecto, contemplaranse diferentes fontes de luz e temperatura de cor e farase unha selección de puntos aos que proporcionar maior luminosidade para resaltar a importancia dos conxuntos arquitectónicos.
A obra, que terá lugar durante os vindeiros meses, contará cun investimento de 30.000 euros financiados de forma íntegra por Galicia Suroeste no marco do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) ‘A Despensa de Galicia’ ao abeiro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado con fondos europeos Next GenerationEU, co que e a entidade pretende valorizar e embelecer os elementos patrimoniais do Camiño de Santiago, o maior referente turístico de Galicia, ao seu paso polo Concello de Mos, e así deixar unha imaxe para o recordo na mente das persoas que os contemplan.