O voceiro socialista recorda que o Concello acumula tres sancións pola súa neglixencia institucional
A estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Catoira, que baixo o goberno socialista funcionaba con exemplaridade e eficacia, atópase hoxe nun estado “moi deficiente”, segundo comunicou oficialmente Augas de Galicia. En menos de dous anos, a deixadez e a incapacidade do actual executivo local levaron a unha situación crítica que compromete a saúde ambiental do municipio.
O Concello acumula xa tres sancións por non corrixir as deficiencias da EDAR, mantendo os equipos avariados durante meses sen intervención nin planificación e ignorando as obrigas legais. Non é descoido: é neglixencia institucional. A incapacidade para xestionar servizos básicos está a poñer en risco a saúde pública e o medio ambiente.
Para Alberto García, portavoz do grupo municipal socialista, “a xestión ambiental do goberno local é absolutamente nefasta; un desastre sen paliativos”, e os efectos son visibles en cada recuncho da vila: rúas sen limpar, maleza que invade os viarios e dificulta o tránsito, e unha sensación xeral de abandono que avergoña a Catoira e con especial relevancia no tema da EDAR xa que a ausencia de depuración fai que os verquidos vaian directos ao río Ulla.
O portavoz socialista pregúntase que pensa a concelleira e activista de Ecoloxistas de Catoira desta situación xa que cando a depuradora funcionaba ben amosaba unha constante preocupación polo medio ambiente e agora non se lle escoita alzar a voz contra os verquidos directos ao río, nin denunciando que se trata dun atentado contra o patrimonio natural e contra a saúde da veciñanza. Para Alberto García a situación está clara: non se pode falar de sustentabilidade mentres se tolera a contaminación das augas, nin se pode presumir de compromiso ecolóxico cando a realidade mostra un retroceso alarmante.
Por se fose pouco, o goberno local minte descaradamente sobre os contedores almacenados, todos eles homologados e listos para ser instalados. O único obstáculo é a incompetencia manifesta do alcalde e do seu equipo, incapaces de activar nin os servizos máis básicos. “Non é un problema técnico, é un problema de incompetencia política. Son uns inútiles para xestionar absolutamente nada”, afirma García. O grupo socialista esixe responsabilidades inmediatas e un cambio radical na forma de gobernar, porque Catoira non merece seguir afundíndose por culpa dun goberno que nin sabe, nin quere, nin pode.



